- O alumnado do colexio oursensán Manuel Sueiro participou esta mañá no programa “Almorz@ con Beizos Brancos”, organizado por AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) con financiamento de Obra Social “la Caixa” para a difusión de fórmulas nutricionais saudables entre escolares.
- A actividade incluíu unha charla didáctica sobre alimentación sa, un xogo educativo e un almorzo equilibrado e con produtos naturais.
O alumnado de primaria do CEIP Manuel Sueiro (Ourense), particiou esta mañá no programa “Atrévete con Beizos Brancos”.
Aprenderon diferentes opcións para comezar a xornada cunha correcta achega enerxética e con alimentos saudables, naturais e procedentes maioritariamente do mercado nacional, fronte aos baseados en produtos procesados industrialmente que non achegan os nutrientes axeitados.
Durante charla formativa que abriu a xornada, o alumnado propuxo varios menús que foron valorados pola nutricionista María Fernández. Os produtos lácteos, o consumo de zumes naturais como complemento pero non como substitutivo das froitas de tempada (pois a froita enteira achega máis enerxía e nutrientes que a espremida), e mesmo o aguacate no canto de manteiga para as torradas foron algunhas das suxestións.
A modo de exemplo, degustaron un almorzo san e completo, formado por leite enteiro adozado con cacao puro e mel, torradas de pan galego con aceite e froita.
Por outra banda, mediante un xogo en grupo os estudantes aprenderon todos os pasos do proceso de transformación do leite, dende a granxa ata os fogares. Ao finalizar, recibiron material divulgativo con diversas opcións de almorzos e os seus valores nutricionais, para facilitar a introdución de hábitos alimentarios máis saudables nas familias.
Compromiso duradeiro
AGACA e Obra Social “la Caixa” repartiron o curso pasado, cando comezou esta iniciativa, 550 almorzos. Este ano a cifra supera os 800.
17/03/2017




