- A Asociación de Mulleres de Cooperativas Agro-Alimentarias de España, AMCAE, celebrou o 29 de xuño a súa Asemblea Xeral Extraordinaria, na que foi reelixida como presidenta Jerónima Bonafé.
Xunto a Jerónima, membro do consello reitor de Cooperativas Agro-alimentarias de España, forman parte da Xunta directiva Dores Calvo como vicepresidenta e membro do consello reitor da Asociación Galega de Cooperativas, AGACA, Mª José Velilla, de Cooperativas Agro-alimentarias de Aragón, como secretaria e Mairena Moya, de Cooperativas Agro-alimentarias de Castela-A Mancha, como tesoureira.
Como vogais Camino López de Cooperativas Agro-alimentarias de Asturias, Ramona Mota, da Federación de Cooperativas de Cataluña, FCAC, Consuelo Sánchez, de Cooperativas Agro-alimentarias de Estremadura, Cati Corell, de Cooperativas Agro-alimentarias Comunidade Valenciana, Esclavitud Martínez, da Unión de Cooperativas de Castela e León, URCACYL, e Pilar Gómez, de Cooperativas Agro-alimentarias de Andalucía.
Todas elas forman parte dos consellos reitores das súas cooperativas e coinciden na necesidade de traballar para mellorar o liderado das mulleres rurais, e en particular no sector agroalimentario cooperativo.
Para Jerónima Bonafé, “é imprescindible que as mulleres socias tomen un papel máis activo na vida empresarial das cooperativas e lideren, xunto cos seus compañeiros, os cambios de mentalidade necesarios para mellorar a súa participación nestas empresas do medio rural”.
AMCAE, tras catro anos dende a súa constitución en marzo de 2013, pretende reforzar as liñas de actuación encamiñadas a aumentar a participación e representación das mulleres cooperativistas nos postos de responsabilidade e decisión económica, social e política do medio rural, así como promover a participación efectiva destas nos órganos de decisión das empresas do medio rural, entre as que destacan as nosas cooperativas agroalimentarias.




