- Esta mañá na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago (USC) tiveron lugar dúas actividades da V Semana Univeritaria da Economía Social 2024.

Co título de “Que é a Economía Social?”, o acto central da V Semana Universitaria da Economía Social na USC reuniu a decenas de estudantes que escoitaron relatorios de representantes de diferentes entidades relacionadas con este modelo económico. Carmen Rodríguez, presidenta de AGACA, foi unha das relatoras, en calidade de vicepresidenta do Foro pola Economía Social Galega, para explicar o concepto de Economía Social.
Ademais, interviñeron a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Rivo; o decano da Facultade, Xoán Doldán; o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo; a directora do Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (CECOOP), Maite Cancelo, e, en representación dalgunhas entidades de economía social: Xaime López, de Urdime S. Coop. Galega; Rubén da Silva, de Ozono Multimedia SLL; Luís Penido López, do Centro Especial de Emprego Trameve, e Víctor Manuel Blanco, da Asociación Primicias Raíña, EIL (Asociación Raíña Paraíso).
Por outra banda, foi instalada no hall da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a exposición itinerante “Economía social no corazón da nosa historia”, desenvolvida para Foroesgal, que mostra a historia da economía social. Mercedes Vázquez, de DeHistoria SLL, encargouse de realizar un percorrido guiado polos seus paneis.
A V Semana Universitaria da Economía Social esténdese do 4 ao 14 de marzo e engloba 146 actividades en campus de toda España e doutros 7 países, co obxectivo de dar a coñecer este modelo económico ao alumnado. Está promovida pola Rede ENUIES (do Centro Internacional de Investigación e información sobre a economía pública, social e cooperativa CIRIEC-España), que se constituíu en 2003 co fin de coñecer mellor o labor que realizan os centros e institutos universitarios de investigación en Economía Social e para permitir desenvolver máis a cooperación científica entre eles.
Máis información en:
- https://ciriec.es/noticias/146-actividades-en-33-universidades-compondran-la-v-semana-universitaria-de-la-economia-social-los-proximos-dias-4-al-14-de-marzo/
- https://www.usc.gal/gl/xornal/novas/benestar-persoas-clave-exito-cooperativas-sociedades-laborais-centros-especiais-emprego



