- Estudantes do CEIP Eugenio López, en Cee, participaron esta mañá nunha xornada do programa “Almorz@ con Beizos Brancos” de AGACA e Obra Social “la Caixa”.
- actividade incluíu unha charla sobre alimentación sa, un xogo educativo e un almorzo equilibrado con produtos naturais.
Medio centenar de estudantes de cuarto de primaria do CEIP Eugenio López (Cee) participou esta mañá en “Almorz@ con Beizos Brancos”, un programa organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e Obra Social “la Caixa” para fomentar en escolares o consumo diario de almorzos completos, nutritivos e equilibrados.
Así, a nutricionista María Fernández comezou a xornada explicando os valores nutricionais de froitas de tempada e produtos lácteos e recomendando evitar alimentos procesados industrialmente, con exceso de azucres que non achegan ningún beneficio á saúde.
Para ilustrar a charla o alumnado degustou un almorzo equilibrado e completo, composto por pan con aceite, froita e leite enteiro. Por outra banda, os nenos e nenas aprenderon os procesos que pasa o leite desde que se extrae das vacas ata que chega aos seus vasos mediante un xogo didáctico e repartiuse material divulgativo con diferentes propostas de almorzo e as súas calidades nutricionais, para estender a actividade ao fogar.
Compromiso duradeiro
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias ( AGACA) e Obra Social “la Caixa” organizan “ Almorz@ con Beizos Brancos” dende 2015. O curso pasado repartíronse máis de 900 almorzos. A iniciativa forma parte dun “Plan de accións sociais en favor de infancia, xuventude, muller e maiores 2017-2018”.




