- Fundación Feiraco recibirá mañá a estudantes do IES Francisco Aguiar (Betanzos).
- Participarán nunha charla informativa e percorrerán as instalacións da cooperativa láctea.
- A actividade enmárcase na Rede Eusumo para o Fomento do Cooperativismo e a Economía Social.
Técnicos de AGACA impartirán mañá unha xornada didáctica sobre as vantaxes do cooperativismo como fórmula de emprendemento e de crecemento laboral e económico para os estudantes do Ciclo Formativo de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais do IES Francisco Aguiar (Betanzos).
O obxectivo da actividade, enmarcada nun dos “Obradoiros de Emprendemento Cooperativo Eusumo” é presentarlles este modelo de negocio para que o teñan en consideración ao finalizar os seus estudos.
Ademais de coñecer diferentes exemplos de emprendemento empresarial exitoso no medio rural, o alumnado visitará as instalacións da cooperativa Feiraco, dedicada á fabricación de produtos lácteo, onde aprenderá os pormenores do funcionamento dunha sociedade destas características.
Rede Eusumo
Asesoramento, orientación, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal definen a rede transversal de colaboración Eusumo, nacida no 2011.
Dende o ano 2012 a Fundación Feiraco funciona coma un dos “Centros Rede Eusumo” repartidos por toda Galicia que serven como espazo de dinamización do emprendemento cooperativo.




