- Esta mañá foi lida no Parlamento de Galicia a Declaración do Cooperativismo Galego, elaborada polo Consello Galego de Cooperativas con motivo do Ano Internacional das Cooperativas declarado por Nacións Unidas.
O Parlamento de Galicia aprobou unha declaración institucional con motivo do Ano Internacional das Cooperativas para facer un chamamento á celebración desta conmemoración e instar a traballar conxuntamente para que Galicia “sexa exemplo e referente global” neste ámbito, “mostrando como son a clave para construír un futuro máis xusto, sostible e equitativo”.
Así, o presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, leu esta declaración institucional este martes durante a sesión plenaria.
O texto destaca que en Galicia este modelo de organización “non só promove a igualdade de oportunidades, senón tamén a inclusión, reafirmando o seu compromiso coa equidade e a gobernanza democrática, especialmente durante os últimos anos, de importante complexidade”.
Neste sentido, a Cámara percibe isto “como un logro”, resultado do “esforzo conxunto das propias cooperativas galegas, das súas asociacións representativas”, así como das “institucións públicas competentes” que traballan para “fortalecer e consolidar este modelo empresarial”.
Así mesmo, sostén que as cooperativas representan “unha forza clave no tecido económico e social” da Comunidade e son “indispensables” para o “desenvolvemento”. Tamén apunta que “permiten responder os retos máis actuais, por medio de iniciativas cooperativas innovadoras, demostrando que é posible combinar progreso económico e respecto ambiental”.
RETOS
En canto aos novos retos do cooperativismo, a declaración sinala fomentar un novo “rexurdir entre a mocidade”, dispoñer de maior apoio institucional para atopar financiamiento e “alcanzar unha dimensión maior”.
Todo iso, engade, proporcionará “un maior peso dentro da economía social”, efectuando “un cambio xeracional con éxito”, ademais de permitir “alcanzar alianzas de intercooperación que posibiliten acceder a fondos Next Generation que prioricen os proxectos de economía social, a sustentabilidade e a INNOVACIÓN, onde as cooperativas terán un papel preponderante”.
Entre o apoio das administracións, destaca as ferramentas que poñen ao dispor das diferentes familias da economía social os obxectivos da Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027.
Nesta mesma liña, con motivo do Ano Internacional das Cooperativas 2025, tanto o CONSELLO GALEGO DE COOPERATIVAS como o movemento cooperativo galego, en xeral, “comprométense a promover o cooperativismo entre a cidadanía, a fomentar a colaboración público-privada, a potenciar o emprendemento cooperativo, a impulsar a mellora continua na xestión e na gobernanza das cooperativas”, ademais do “apoio e consolidación do cooperativismo a través das políticas públicas”.
Para lograr estes obxectivos, a Cámara galega pretende con esta declaración servir para facer un chamamento á celebración desta conmemoración, así como a traballar conxuntamente para que Galicia “sexa exemplo e referente global” no ámbito do cooperativismo, “mostrando como as cooperativas son a clave para construír un futuro máis xusto, sostible e equitativo”.
Entre os asistentes, e como parte do Consello Galego de Cooperativas, atopábanse Carmen Rodríguez (presidenta de AGACA e vicepresidenta do COGACO), José Manuel López Tellado (vicepresidente de AGACA e vogal no COCAGO) e Higinio Mougán (director-xerente de AGACA e vogal do COGACO).
Tras a lectura tiveron lugar reunións a representación do COGACO, Pablo Fernández (secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social) e Marta Mariño (directora Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social), que estiveron presentes no acto, así como entre a representación do COGACO e o presidente do Parlamento, xunto con parlamentarios do PP, o BNG e o PSOE.




