Dende AGACA compartimos as manifestacións de Cooperativas Agro-alimentarias de España:
Cooperativas Agro-alimentarias de España solidarízase coas manifestacións dos produtores europeos, que mostran a situación de insostenibilidade presente e futura que vai levar por diante ao sector agrícola e gandeiro. Con todo, solicitamos á Comisión Europea e ao Goberno de España que garanta a libre circulación de mercadorías e protexa o mercado europeo dos actos vandálicos que se producen na fronteira francesa e destrúen producións españolas con destino ao resto da UE.
As actuais mobilizacións son o resultado da frustración dunha gran parte do sector e da falta de diálogo. Nin a Comisión Europea nin o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico en España, encargado de gran parte do desenvolvemento das políticas que penden do Pacto Verde que afectan á produción, (medioambiente, enerxía e auga), recibiron ao sector nos últimos cinco anos, nin debatido o cambio dun modelo produtivo complexo que debe ser aplicado polos agricultores e gandeiros. Limitáronse a impoñer uns obxectivos ambiciosos, sen estudos de impacto e sen coñecemento da realidade produtiva nin dos mercados, sen evidencia científica, sen propoñer os medios necesarios para conseguilos e sen establecer un ritmo de progresión coherente e factible.
Cooperativas Agro-alimentarias de España esixe por tanto un diálogo inmediato ao máis alto nivel na UE e en España para abordar de maneira coherente e con tempo o cambio de modelo produtivo, porque sen rendibilidade, sen persoas e sen actividade económica nas zonas rurais non se conseguirá a sustentabilidade de ningún tipo.
Ademais, a nova PAC, con menos orzamento e axudas, esixe a adopción de medidas ambientais e unha burocracia inabordable que os produtores non poden implantar a curto prazo, especialmente cando está a sufrir o impacto do cambio climático e anos de seca. Mentres tanto, os enfoques colectivos e a aposta pola innovación son postergados.
O mercado e os consumidores non remuneran nin remunerarán os esforzos por alcanzar unha maior sustentabilidade ambiental. Existe unha clara incoherencia entre os estritos requisitos esixidos a toda a produción europea fronte ás importacións de terceiros países que provocan unha desigualdade competitiva. O resultado é unha cadea agroalimentaria sen valor e uns produtores sen rendibilidade, sen substitución xeracional e abocados ao abandono, con consecuencias no medio ambiente e no territorio, xa visibles na España baleirada.
A agricultura é o motor da UE, ningunha solución pasará por destruíla, senón por reforzala, mellorar o seu funcionamento e dar o valor que se merece á produción de alimentos europeos.



