- Esta mañá unha vintena de estudantes do IES Cotarelo Valledor (Vilagarcía) recibiu formación sobre o funcionamento dunha cooperativa nunha visita a Pazo Baión, da cooperativa Condes de Albarei.
- A actividade forma parte da Rede Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a economía social e o cooperativismo como modelo de negocio de éxito.
Vinte e cinco estudantes de Formación profesional do instituto Cotarelo Valledor participaron esta mañá nunha charla sobre as vantaxes do cooperativismo como opción de futuro laboral no sector agroalimentario, impartida polo director xerente de AGACA, Higinio Mougán. A iniciativa, que tivo lugar na adega Pazo Baión, dos cooperativa Condes de Albarei, enmárcase nun dos talleres “Emprendemento e cooperativas. Modelo de éxito” da Rede Eusumo.
Mougán destacou que, dada a complicada situación do mercado laboral, “emprender é unha boa forma de conseguir emprego estable no medio rural e, seguindo o modelo cooperativo, é máis fácil porque en grupo conséguese perseverar para manterse no futuro”. Indicou tamén que o cooperativismo está aberto a todas as posibilidades de negocio.
Ademais, a presidenta da adega, Dores Calvo, explicou o funcionamento diario da cooperativa e o compromiso que implica ser socio para garantir o futuro da entidade. Para finalizar, os mozos puideron percorrer as instalacións do Pazo e as viñas para coñecer o proceso de produción de viño.
Rede Eusumo
Asesoramento, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal son outras áreas de actividade que definen a rede de colaboración Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.




