- Máis de cincuenta estudantes do CEIP A Gándara, de Monforte de Lemos, participaron esta mañá nunha das xornadas do programa “Almorz@ con Beizos Brancos”.
- A actividade incluía unha charla didáctica sobre alimentación sa, exercicios lúdicos e un almorzo equilibrado con produtos naturais.
Medio centenar de escolares de terceiro e cuarto curso de primaria do colexio A Gándara participaron na actividade “Almorz@ con Beizos Brancos”, un programa organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e Obra Social “la Caixa” co fin de promover unha nutrición sa entre os escolares, así como facerlles notar a riqueza dos produtos do agro galego.
Escola e fogar
A actividade comezou coa charla educativa da nutricionista María Fernández, que enfatizou a importancia do almorzo para o desenvolvemento físico e o rendemento escolar e intelectual dos nenos e nenas.
Entre as propostas achegadas tanto pola nutricionista como polo alumnado, que interveu activamente con ideas e dúbidas, destacou a aposta polos produtos naturais fronte aos procesados industrialmente, polos lácteos e polos produtos da terra e froitas de tempada (ambas as opcións máis completas que os zumes, pois os seus azucres compostos supoñen unha achega enerxética maior e tamén mellor repartida ao longo do día).
A modo de exemplo de almorzo completo e saudable, os estudantes probaron pan galego con aceite, mandarinas e leite con cacao e mel.
Complementando a información alimentaria, un xogo didáctico explicou aos participantes todos os procesos polos que pasa o leite dende que se extrae das vacas ata que chega aos seus vasos, co fin de poñer de relevancia non só o valor dos lácteos na dieta senón tamén unha mostra dos traballos e tarefas que compoñen o sector agroalimentario.




