A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) levará a cabo durante todo o mes de outubro unha campaña de comunicación na Televisión de Galicia, coincidindo co Ano Internacional das Cooperativas. Os spots emitiránse nos espazos publicitarios de programas de gran audiencia como O Termómetro, Land Rover Tunai Show, Luar, Curando o Mundo e Galicia Bonita, en dúas versións: unha xeral e outra adaptada sen imaxes de bebidas alcohólicas para cumprir cos horarios de protección infantil.
A campaña nace da peza audiovisual ‘Cooperar é Galicia’, que foi presentada na Feira Abanca Semana Verde de Silleda o pasado mes de xuño. Trátase dun vídeo de máis de catro minutos que resume a esencia do cooperativismo galego, poñendo en valor o papel das cooperativas como motor económico, social e cultural do noso país.
Produto cooperativo: Auténtico sabor do Campo
Nas imaxes vemos produtos e persoas das nosas cooperativas: viños, queixos, carnes, pensos, leite, hortalizas… Exemplos concretos que transmiten a calidade, o sabor e a excelencia que caracterizan á produción cooperativa galega. Son todas as que están, pero non están todas as que son, trátase dunha representación fiel, honesta e significativa dun sector diverso, amplo e con futuro, no que cada cooperativa, grande ou pequena, ten un papel esencial.
O vídeo e os spots trasladan unha idea común, cooperar é sinónimo de construír xuntos, de sumar esforzos e de manter vivo o rural galego. As cooperativas agroalimentarias galegas non só producen alimentos de primeira calidade, senón que tamén crean emprego, fixan poboación, evitan o abandono do territorio e garanten a continuidade das tradicións e da cultura que definen a nosa identidade como pobo.
Ano Internacional das Cooperativas
Coincidindo cun ano tan simbólico coma este, a iniciativa busca reforzar o orgullo de pertenza e lembrar que cando escollemos un produto cooperativo estamos apoiando directamente ás persoas que traballan nel, contribuíndo á sostibilidade económica, social e ambiental de Galicia.
Con esta campaña en televisión, AGACA quere achegar á cidadanía unha mensaxe clara, que consumir produtos cooperativos é apostar polo futuro do noso campo, polas persoas que o fan posible e por unha Galicia máis forte e unida.




