O informe destaca o apoio explícito ás cooperativas para mellorar a posición dos agricultores na cadea alimentaria.
O 4 de setembro presentouse o informe Diálogo Estratéxico sobre o Futuro da Agricultura Europea anunciado pola presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, no seu discurso sobre o Estado da Unión hai un ano. O Informe destaca que se debe mellorar a posición dos agricultores na cadea alimentaria e para iso recomenda explicitamente o apoio e o fomento do asociacionismo en cooperativas para reducir custos de produción, aumentar a súa eficiencia e mellorar os prezos recibidos no mercado.
O obxectivo foi sentar nunha mesa aos diferentes actores do sector agroalimentario para reducir a polarización das posicións sobre agricultura que caracterizou os últimos anos, dar resposta ás manifestacións de agricultores europeos e trazar unhas liñas estratéxicas a implementar durante o novo mandato político europeo. Neste Diálogo participaron ao longo de 7 meses de intenso traballo 29 organizacións representativas e partes interesadas na agricultura europea que mantiveron máis de 100 reunións en plenarios e grupos de traballo.
O documento establece unha serie de áreas onde se debe focalizar para lograr unha agricultura máis competitiva, resiliente e sostible. O Informe indica que unha vía para fomentar a sustentabilidade e as prácticas agrarias ambientais é apoiar ás cooperativas, xa que desta forma se xeran economías de escala que permiten desenvolver proxectos para o conxunto dos seus socios e socias. Ademais, o Informe considera que a bioeconomía é fundamental para o mantemento das zonas rurais, e neste aspecto as cooperativas son clave para alcanzar a sustentabilidade económica, social e ambiental e a diversificación da actividade agraria, xa que os agricultores por si sos terán máis dificultades para logralo. O informe pide un papel máis preponderante ao Banco Europeo de Investimentos para financiar ao sector agroalimentario europeo e, concretamente, inclúe ás cooperativas como destinatarias deste apoio pola súa implantación nas zonas rurais.
Á marxe do apoio explícito ás cooperativas, este informe reincorpora aspectos que desapareceran no debate político no mandato europeo que termina como o recoñecemento estratéxico da agricultura europea, o seu papel como produtor e subministrador de alimentos e a necesidade de mellorar a renda dos agricultores. Tamén subliña a necesidade de ter máis en conta á agricultura europea nas negociacións comerciais con terceiros países e un plan específico de apoio á substitución xeracional, un dos maiores retos da agricultura europea, cuestións todas elas que dende Cooperativas Agro-alimentarias de España vimos reclamando dende hai anos.
Sobre o financiamento, o Informe destaca a necesidade de contar cun orzamento para a PAC forte (sen indicar cifras) e o establecemento dun fondo de transición que financie as novas medidas que se poidan establecer en materia de sustentabilidade para o sector agrario. Hai que lembrar que no mandato que termina, as novas iniciativas, como a lei de restauración natureza, a redución de pesticidas, o benestar animal etc. non facían referencia a un orzamento específico.
Respecto ao papel da gandería, que xerou moito debate, con algunhas organizacións solicitando unha redución da produción gandeira europea, o Informe recoñece explicitamente o papel deste importante sector dende o punto de vista económico, medioambiental e social, incluíndo tamén o aspecto nutricional.
Cooperativas Agro-alimentarias de España valora o Informe e o recoñecemento ao papel das cooperativas, e espera que estas recomendacións deveñan en propostas concretas. As primeiras oportunidades para demostrar este apoio serán a proposta de reforma PAC en 2025 e o debate sobre as perspectivas financeiras post 2027, onde se verá se tanto a Comisión como os Estados Membros concretan o apoio á agricultura europea que reiteraron a través deste informe.




