COMUNICADO: Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias
Santiago, 16 de outubro de 2017.- A Unión de Cooperativas Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, Agaca, lamenta, rexeita e condena a vaga de incendios desatada esta fin de semana en diversos puntos de Galicia, con especial crueza nas provincias de Ourense e Pontevedra.

Dende a Asociación, a nosa solidariedade e cariño para os familiares e amigos das vítimas mortais. A nosa admiración a todas as persoas que espontaneamente demostraron a gran solidariedade de que somos capaces os galegos en situacións tan delicadas como as que están a acontecer. O noso recoñecemento tamén, ao gran esforzo que están a facer os profesionais que están a traballar sen descanso por apagar estes lumes.
Dende AGACA puxémonos en contacto coa Consellería do Medio Rural coa finalidade de ofrecer a gran capacidade de transporte de auga dos tractores e cisternas dos Parques de Maquinaria das cooperativas agroalimentarias e Cooperativas de Maquinaria en Común (CUMAS) para prestar apoio e axuda aos servizos e dispositivos de loita contra o lume. Cremos que é unha oportunidade para integrar nos dispositivos de loita contra o lume todos os medios de que dispón o noso medio rural, entre as que destacamos esta maquinaria de gran capacidade de transporte de auga a zonas afectadas polo lume.
Sentímonos agradecidos polas múltiples manifestacións de cariño e apoio amosadas dende tantos e tantos puntos de España e doutros países.
Moitas grazas por facernos sentir acompañados en tan triste situación.




