Despois da pandemia da Covid19 certos hábitos de consumo de viño mudaron, incrementándose o consumo de viños brancos en detrimento dos tintos. Como abordaron este problema os produtores de viño galegos?
En canto ao papel das cooperativas, observamos que alí onde teñen actividade axudan a modificar a oferta produtiva valorizando as uvas das persoas socias; as comarcas sen cooperativas están máis próximas ao desastre comercial e ao inmobilismo impulsado polos seus líderes locais.
A adega Vinos Barco é unha referencia no sector dos viños tintos en Galicia. Falamos co seu director comercial, Alfredo Vázquez, para coñecer a súa visión sobre esta crise.
«Hai uns seis ou sete anos xa se percibía unha tendencia de cambio no consumo de viños tintos a brancos. Creo que os motivos principais relaciónanse co cambio climático, porque as temperaturas subiron e a xente quere os viños frescos e co acceso da muller e da xente nova ao consumo de viño, preferindo viños máis fáciles de beber», sinala o director comercial.
Preguntado polo calado do consumo do viño mencía, Alfredo apunta a que o mercado máis importante sempre foi interno, dentro de Galicia: «Nestes momentos temos o problema de que están a entrar viños doutras DO de España a prezos moi baixos, xa que hai un gran excedente de viño tinto. Cando o consumidor vai ao súper busca o máis económico, por iso vémonos obrigados a facer accións continuamente se queremos vender, perdendo marxe. Se non o facemos así, veriámonos nunha situación similar á que están a pasar noutras DO galegas».
Propuxemos aos nosos socios enxertar
viñas de mencía e pasalas a godello.
Facilitámoslles todos os trámites para
evitarlles xestións nin ter que adiantar
diñeiro. Foi un éxito.
Unha das solucións adoptadas pola bodega foi a de animar aos seus socios e socias a apostar pola variedade branca godello, actualmente moi demandada: «Ante esta situación démonos conta de que era necesario tomar medidas, polo que lles propuxemos aos nosos socios enxertar viñas de mencía e pasalas a godello. Fixemos unha formulación para poder facilitar todos os trámites e que o socio ou socia non tivese que realizar ningún tipo de xestión nin adiantar o diñeiro para realizar a transformación do viñedo.
Buscamos unha empresa que realizase as dilixencias administrativas e de campo. A cooperativa financiou o gasto íntegro, así, o primeiro ano, o socio non tería que pagar nada e os gastos ocasionados amortizaríanse nos tres anos seguintes. Este plan tivo unha grande aceptación entre a base social, e xa o realizamos dous anos.
De non terse tomado esta decisión, a situación hoxe sería complicada e atopariámonos cunha cantidade importante de viño tinto á que sería difícil darlle saída».
A cooperativa toma esta decisión pensando en todos os viticultores: «Se o pequeno agricultor tivera que ter ido por libre, creo que non o tería feito e as viñas quedarían abandonadas.
Opino que os pequenos viticultores deben asociarse para poder tomar decisións que lles permitan adoptar accións para poder salvar as súas viñas. Por separado téñeno moi difícil», conclúe Alfredo.




