- A cooperativa Coreber participou en Carballo nunha das xornadas “Coidar, coidarte”, sobre claves para o envellecemento activo e a atención a maiores.
- A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e Obra Social “la Caixa” levan a cabo a iniciativa para contribuír ao envellecemento activo no medio rural.
Persoas socias da cooperativa Coreber asistiron esta mañá á charla “Coidar, coidarte” impartida por expertas en envellecemento activo e atención a persoas maiores.
Técnicos de AGACA comezaron a xornada expoñendo a situación social das persoas maiores no ámbito rural, centrándose no potencial das cooperativas para acoller iniciativas dirixidas ás súas necesidades específicas.
A continuación, especialistas en atención a persoas maiores explicaron os diferentes procesos asociados ao envellecemento a nivel físico e psicolóxico e aconsellaron xeitos de reducir o deterioro vinculado á idade, mellorando a alimentación, incorporando exercicios físicos á rutina diaria e non descoidando a vida social.
Finalmente, dirixíronse ás persoas coidadoras, mostrando xeitos para facilitar a atención a maiores; entre eles, técnicas de mobilización manual a persoas con dificultades para desprazarse, consellos sobre alimentos saudables e mesmo os tipos de vestimenta máis cómodos.
Compromiso social
“Coidar, coidarte” responde ás demandas efectuadas polas cooperativistas que interviñeron en accións previas desenvolvidas por AGACA e Obra Social “la Caixa”, que reafirman deste xeito o seu compromiso co medio rural galego, contribuíndo ao seu avance social.




