- AGACA valora positivamente a creación de CoRural, destacando que promove a intercooperación e a suma de capacidades no sector lácteo galego.
- A combinación da base cooperativa e a fortaleza industrial e comercial é vista como unha oportunidade para reforzar estabilidade, eficiencia e competitividade nun mercado cada vez máis dominado por grandes operadores.
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) quere manifestar o seu apoio institucional á iniciativa presentada por Clun e Leite Celta para a creación de CoRural.
Dende AGACA consideramos que calquera proxecto que promova a intercooperación e a suma de capacidades entre entidades do sector contribúe a reforzar a cadea de valor e a mellorar a posición competitiva das explotacións gandeiras galegas. Neste sentido, a alianza anunciada por Clun e Leite Celta representa un paso relevante cara a modelos empresariais de maior escala, que se corresponden co contexto actual dun mercado globalizado no que predominan operadores de gran dimensión.
AGACA valora especialmente que o proxecto manteña o foco no gandeiro, poñéndoo no centro dun modelo empresarial orientado a garantir a sustentabilidade económica das explotacións e diversificar produtos. Así mesmo, entendemos que a combinación da experiencia cooperativa coa innovación industrial contribúe a consolidar un sector lácteo galego máis robusto, e preparado para afrontar os retos futuros.
AGACA seguirá con atención o proceso confiando en que esta nova estrutura empresarial poida converterse nun motor de desenvolvemento económico e social no rural galego, preservando a identidade das entidades que a integran e reforzando o papel do cooperativismo como garante de cohesión territorial.




