— Programa Aprol-Economía Social. Ata 16/09/2026

Información da axuda

Activa

RESUMO ELABORADO POR AGACA

Pode consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación” (formato PDF) e consultar a Orde completa na ligazón “web”.

— ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2026. Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG Nº 32, 18/02/2026). 

OBXECTO E FINALIDADE

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras a cooperativas e sociedades laborais, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.

As axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva.

Establécense os seguintes programas de axudas:

a) Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR802G).
b) Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J).

SUBVENCIÓNS BAIXO CONDICIÓNS DE MINIMIS

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos seguintes regulamentos, segundo proceda.

PROGRAMA I: FOMENTO DO EMPREGO EN COOPERATIVAS E SOCIEDADES LABORAIS

FINALIDADE

Este programa ten por obxecto apoiar o emprendemento en economía social e establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou a proba.

ENTIDADES BENEFICIARIAS E CONDICIÓNS PARA A OBTENCIÓN DO INCENTIVO

1. Cooperativas e sociedades laboráis que incorporen persoas socias traballadoras ou de traballo con carácter indefinido ás seguintes persoas:

a) Persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego, nos termos que se indican no artigo 5 desta orde.
b) Persoas que no momento da súa incorporación estean vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo fixo descontinuo.
c) Persoas que no momento da súa incorporación sexan socias a proba da cooperativa á cal se incorporan, sempre e cando estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no momento de incorporarse como tales persoas socias a proba.
d) Persoas que no momento da súa incorporación sexan persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.

CONTÍA DOS INCENTIVOS

1. Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000 € con carácter xeral.

Esta contía incrementarase nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:

a) Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller.
b) Un 25 % se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.
c) Un 25 % se a persoa incorporada ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral que cumpra as condicións definidas no artigo 5.d) desta orde
d) Un 25 % se a persoa incorporada ten máis de 45 anos.
e) Un 25 % se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada.
f) Un 25 % se a persoa ten a condición de trans
g) Un 25 % no caso de que o centro de traballo ao que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural.
h) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.
i) Un 25 % se se trata dunha entidade de nova creación constituída inicialmente con catro ou mais persoas socias traballadoras.

2. Por cada mozo ou moza incorporada como persoa socia traballadora ou de traballo en proba, a subvención ascenderá a 600 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.

3. Cando a dedicación sexa a tempo parcial ou en condición de fixo descontinuo, nos termos previstos no artigo 24.3, a contía dos incentivos previstos nos números anteriores reducirase ao 50 %

4. A contía máxima que poderá ser concedida a unha entidade beneficiaria por subvencións con cargo a este programa será de 67.500 euros.

PROGRAMA II: FOMENTO DO ACCESO Á CONDICIÓN DE PERSOA SOCIA

FINALIDADE

Este programa de subvencións está dirixido ao fomento do acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas. Este acceso facilítase mediante o financiamento das achegas económicas ao capital social que se debe desembolsar para a incorporación como socio ou socia

PERSOAS BENEFICIARIAS E CONDICIÓNS PARA OBTER A SUBVENCIÓN

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa de subvencións as persoas que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral con carácter indefinido, que desenvolvan a súa actividade nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia e que, no momento da súa incorporación, cumpran algunha das condicións seguintes:

a) Seren persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
b) Seren persoas socias a proba da cooperativa á cal se incorporan.
c) Seren persoas asalariadas da cooperativa ou sociedade laboral á cal se incorporan.
d) Seren persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.
e) Seren persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial que accedan á mesma condición a tempo completo.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas que, sendo desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias con carácter indefinido, con compromiso de exclusividade, para comercializaren os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen, sempre que teñan o seu domicilio social e fiscal en Galicia. A incorporación como persoa socia na cooperativa deberá producirse dentro do período de execución establecido no artigo 35 desta orde. Entre o inicio da actividade por conta propia e a dita incorporación non poden ter transcorrido máis de dous anos.

CONTÍA DAS SUBVENCIÓNS

1. As subvencións previstas neste programa poderán ascender ás contías seguintes:

a) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 30.1, letras a), b) c) e d), e no arti¬go 28.2, ata 6.000,00 €.
b) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 30.1, letra e), ata 3.000,00 €.

2. As contías sinaladas no punto anterior incrementaranse nas porcentaxes que se sinalan a continuación, que son acumulables entre si:

a) Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller.
b) Un 25 % se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.
c) Un 25 % se a persoa incorporada ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral que cumpra as condicións definidas no artigo 5.d) desta orde
d) Un 25 % se a persoa incorporada ten máis de 45 anos.
e) Un 25 % se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada.
f) Un 25 % se a persoa ten a condición de trans
g) Un 25 % no caso de que o centro de traballo ao que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural.
h) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.
i) Un 25 % se se trata dunha entidade de nova creación constituída inicialmente con catro ou mais persoas socias traballadoras.

3. 3. Cando a dedicación da persoa incorporada sexa a tempo parcial ou en condición de fixa descontinua nos termos previstos no artigo 30.4, a contía máxima dos incentivos previstos nos puntos anteriores reducirase ao 50 %.

PERÍODO DE EXECUCIÓN DAS ACCIÓNS

O período de execución de accións abranguerá desde o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026.

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do 2 de marzo ata o 16 de setembro de 2026, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

  • Facebook
  • Twitter