RESUMO ELABORADO POR AGACA
Pode consultar/descargar este resumo da RESOLUCIÓN en “Documentación” (formato PDF en galego) e consultar a Resolución completa na ligazón “web”.
— RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2025 pola que aproban as bases reguladoras dos premios ao desenvolvemento rural de Galicia e se convoca a décimo sexta edición. Axencia GAlega de Desenvolvemento Rural. DOG nº 142 (28/07/2025)
OBXECTIVO
O obxectivo desta orde é convocar para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, a décimo sexta edición dos premios ao desenvolvemento rural de Galicia.
O código do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia é o MR709A.
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
CATEGORÍAS DOS PREMIOS
a) Categoría mocidade, para as iniciativas levadas a cabo por persoas mozas ou dirixidas a elas, segundo os seus estatutos ou normas reguladoras, e que constitúan unha aposta polo presente e o futuro do medio rural galego e da súa poboación. Para estes efectos, terá a consideración de persoa moza quen non teña máis de corenta anos na data en que finalice o prazo para presentar a iniciativa ou, no caso de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % dos seus membros cumpran este requisito.
b) Categoría proxectos de interese social, para as iniciativas orientadas á integración dos colectivos máis desfavorecidos no seu territorio, á inserción laboral e social, ou ao coidado das persoas maiores e/ou dependentes.
c) Categoría sector agro-gandeiro, para as iniciativas desenvolvidas dentro dos sectores de gandería, agricultura e/ou transformación agroalimentaria que aposten por impulsar o valor engadido da produción, a creación de produtos, diversificación, diferenciación ou creación de canais comerciais alternativos, así como a colaboración entre axentes da cadea alimentaria.
d) Categoría mulleres, para as iniciativas levadas a cabo por mulleres ou destinadas a elas no medio rural, desde unha óptica de igualdade e progreso, en que sexan fundamentais valores como o asociacionismo, a profesionalización, a capacidade emprendedora, a innovación e a creación de redes de colaboración.
e) Categoría innovación tecnolóxica, para as iniciativas desenvolvidas no rural galego que incorporen innovacións tecnolóxicas (no proceso produtivo, en procesos industriais, manexo e xestión interna e externa, comercialización, relación cos clientes, etc.), para obter novos produtos ou mellorar a calidade nos seus produtos ou servizos, para diminuír custos, para ofrecer unha maior gama de produtos ou servizos, ou para ser máis rápida a súa introdución no mercado.
f) Categoría recuperación e posta en valor da terra agraria, para as iniciativas que contribúan, directa ou indirectamente, a recuperar e poñer en valor terras que estaban infrautilizadas.
PERSOAS DESTINATARIAS
Poderán presentar iniciativas aos premios ao desenvolvemento rural de Galicia as persoas físicas ou xurídicas de natureza privada que sexan titulares das iniciativas que presenten.
INICIATIVAS QUE PODEN SER PREMIADAS
Os premios ao desenvolvemento rural de Galicia están dirixidos ás iniciativas que contribúan de maneira singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada. Deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que se localicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que estean executadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria e non en fase de deseño ou execución.
Quedan excluidas as iniciativas que obtivesen premio nalgunha edición anterior, que se desenvolvan nos sectores da pesca e acuicultura, que estén relacionadas coa exportación ou que sexan presentados por entidades colaboradoras da Agader.
CONTÍA DAS AXUDAS
En cada categoría concederase un primeiro premio cunha dotación de 10.000 € e un segundo premio cunha dotación de 3.000 €.
Cada iniciativa poderá presentarse só a unha categoría, para o que debe marcar no modelo normalizado de solicitude (anexo I) a casa correspondente á categoría a que opta.
CRITERIOS DE VALORACIÓN
| Nº | Criterio | Descrición | Puntuación máxima |
|---|---|---|---|
| 1 | Contribución da iniciativa ao desenvolvemento socio-económico do territorio | • Xeración de emprego e emprendemento a nivel colectivo. • Dinamización da economía local e efecto tractor noutras iniciativas. • Implicación e colaboración con outros proxectos e entidades do territorio. | 10 puntos |
| 2 | Contribución da iniciativa á creación de emprego | • Número total de persoas traballadoras. • Compromiso coa conciliación e flexibilidade laboral. | 15 puntos |
| 3 | Sustentabilidade da iniciativa desde o punto de vista ambiental | • Mellora ambiental do territorio. • Redución da pegada ecolóxica (enerxía, auga, combustibles…). • Aposta por enerxías verdes. | 10 puntos |
| 4 | Contribución da iniciativa á incorporación e inserción laboral da muller | • Emprego feminino xerado. • Presenza de mulleres en órganos de dirección e toma de decisións. | 15 puntos |
| 5 | Consolidación e apoio social da iniciativa | • Crecemento e implantación territorial. • Conexión con outros sectores e axentes estratéxicos. • Cartas de apoio e redes de colaboración. | 10 puntos |
| 6 | Innovación, orixinalidade e excelencia da iniciativa | • Novos produtos, servizos ou valorización de recursos. • Uso de tecnoloxías que aumenten competitividade. • Diversificación, novos métodos, transferencia de innovación. | 20 puntos |
| 7 | Contribución á inserción de colectivos ou persoas desfavorecidas | • Número de persoas atendidas. • Creación de emprego directo ou indirecto en colectivos desfavorecidos. | 10 puntos |
| 8 | Desenvolvemento da iniciativa nun concello en risco de despoboamento | • Realización da iniciativa en concellos con baixo índice de poboación. | 5 puntos |
| 9 | Contribución da iniciativa á candidatura á cal se presenta | • Axuste cos obxectivos da categoría. • Grao de implicación da persoa ou entidade candidata. | 5 puntos |
PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo para presentar a solicitude de axuda será dende o 29 de xullo ao 28 de agosto de 2025.
RÉXIME DE MÍNIMIS
As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis.



