RESUMO ELABORADO POR AGACA
Pode consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación” (formato PDF) e consultar a Orde completa na ligazón “web”.
— ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axudas ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026. Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG Nº 23, 04/02/2026).
PROGRAMA V. AXUDAS Á CONCILIACIÓN
OBXECTO
A finalidade deste programa é apoiar a conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante:
— O bono autónomo concilia I (contratación dunha persoa traballadora para apoio no negocio durante o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento).
— O bono autónomo concilia II (contratación dunha persoa traballadora para apoio no coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia).
O bono autónomo concilia III (apoio nos custos dos centros e/ou servizos para o coidado de menores e maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia).
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.
O código de procedemento é o TR341R
PERSOAS BENEFICIARIAS
Persoas traballadoras autónomas de alta por conta propia ou persoas membros das sociedades mercantís, laborais e civís, e comunidades de bens, a título individual que no momento da solicitude teñan o domicilio fiscal e desenvolvan a actividade empresarial ou profesional en Galicia.
Exclúense as persoas socias de cooperativas e persoas autónomas colaboradoras, así como as persoas traballadoras autónomas administradoras que non teñan parte na sociedade.
– Bono autónomo concilia I: a persoa solicitante ten ou tivo que estar de baixa por maternidade ou paternidade, ou situacións asimiladas. O contrato que se realizará será de substitución ou contrato indefinido, formalizado cunha persoa desempregada e dentro do período subvencionable (1 de outubro de 2025 a 30 de setembro de 2026).
As tarefas que realizará a persoa substituta serán as mesmas que as da persoa substituida.
– Bono autónomo concilia II: a persoa solicitante ten que acreditar a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade coa persoa menor, maior e/ou persoa con discapacidade ou dependencia, ou acreditar a convivencia no mesmo domicilio como mínimo nos 3 últimos meses. A contratación deberá realizarse cunha persoa desempregada.
– Bono autónomo concilia III: a persoa solicitante terá que acreditar a contratación dun centro ou servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia, ou acreditar a convivencia no mesmo domicilio como mínimo nos 3 últimos meses. No caso de menores acollidos, non será necesario acreditar a convivencia previa.
Exclúense dos beneficios deste programa (TR341R) os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. Igualmente, exclúense desta axuda os contratos realizados coa mesma persoa en calquera dos mesmos e/ou diferentes bonos concilia previstos neste programa (excepcións para o bono concilia I)
Tamén se exclúen deste programa os contratos realizados cunha persoa traballadora que teña prestado servizos nos últimos tres anos para a persoa empregadora, salvo nos casos de contratos indefinidos realizados coa persoa substituta nas baixas de maternidade ou paternidade e, igualmente, exclúense as persoas ou entidades que obtiveran con anterioridade axudas dos programas de conciliación TR341R para a mesma persoa menor, maior e/ou persoa con discapacidade ou dependencia, excepto no caso do programa
concilia III.
CONTÍA DAS AXUDAS
Bono autónomo Concilia I: Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma para a substitución nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, e pola duración deste. Tamén a substitución no caso de baixa por risco durante o embarazo ou a lactación.
Serán subvencionables as contratacións que se inicien entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.
O importe da subvención será de 1.100 € por mes completo.
Nos supostos de risco durante o embarazo, o período máximo que se terá en conta para a axuda será de oito meses de contratación e, polo tanto, o importe máximo que se pode percibir é de 8.800 €.
No caso de transformación do contrato de substitución en contrato indefinido unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, o importe da subvención será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables entre si: mulleres, menores de 30 anos, desempregados de longa duración, maiores de 52 anos, persoas con discapacidade, persoas en situación ou risco de exclusión social, emigrantes retornadas, persoas extranxeiras.
Bono autónomo Concilia II: Será subvencionable a contratación indefinida realizada por unha persoa traballadora autónoma para o coidado de menores e/ou maiores, e/ou persoas con discapacidade ou dependencia.
Período subvencionable: entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.
O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables: mulleres, menores de 30 anos, desempregados de longa duración, maiores de 52 anos, persoas con discapacidade, persoas en situación ou risco de exclusión social, emigrantes retornadas, persoas extranxeiras.
Bono autónomo Concilia III: Será subvencionable o 75 % dos custos do centro ou do servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, ata un máximo de 3.000 €. Os custos deberán corresponder a gastos incluídos no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026, e os centros e servizos deben estar localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.
Os tres tipos de axudas reguladas neste capítulo: bono autónomo concilia I, bono autónomo concilia II e bono autónomo concilia III serán compatibles entre si.
RÉXIME DE MINIMIS
A axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis.
PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo para a presentación de solicitudes irá dende o 11 de febreiro ata o 30 de setembro de 2026.



