— Axudas certames gando bovino. Varias Datas de presentación

Información da axuda

Activa

RESUMO ELABORADO POR AGACA

Pode consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación” (formato PDF) e consultar a Orde completa na ligazón “web”.

ORDEN do 25 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2026. Consellería de Medio Rural (DOG Nº 5, 09/01/2026).

OBXECTO

A finalidade inmediata desta orde é a promoción e difusión dos certames de gando bovino selecto criado en Galicia, mediante o fomento da celebración dunha rede de eventos que se realizarán en diferentes puntos da xeografía galega. Os obxectivos que se perseguen son o aumento de rendibilidade das explotacións gandeiras, modernización en materia xenética, sanidade e produción animal, mellora da eficiencia dos sistemas produtivos e formación de novos gandeiros.

Estas axudas tramitaranse polo réxime de concorrencia non competitiva.

O código de procedemento administrativo para dita axuda é MR562A

PERSOAS BENEFICIARIAS

Poderanse acoller a estas axudas:

1. Entidades locais, asociacións de persoas gandeiras, ncluídas as xestoras dos libros xenealóxicos, asociacións de persoas empresarias e outras entidades sen ánimo de lucro que organicen certames de gando selecto que dispoñan de instalacións axeitadas, conten con medios técnicos e persoais, dispoñan dun regulamento interno para as condicións de benestar animal, sanidade e calidade xenética, conten con autorización dos servizos veterinarios e coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros recoñecida para a xestión do libro xenealóxico.

2. Para poder participar os animais deben proceder polo menos de 5 explotacións distintas pertencentes a polo menos 5 titulares diferentes. Procederán de explotacións galegas cualificadas sanitariamente. Estarán inscritos nos libros xenealóxicos das razas correspondentes e teñen que permanecer en explotacións galegas alomenos nos 12 meses previos á participación do evento.

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES

– Selección e preparación dos animais do evento, estabulación e alimentación durante a celebración do certame: máximo 50 €/animal.
– Transporte de animais para o evento.
– Gastos de acondicionamento, seguridade e limpeza do recinto.
– Gastos administrativos de tramitación documental do certame.
– Custos publicitarios, material promocional ata un máximo de 10 €/animal.
– Gastos de seguros relativos á celebración do evento.
– Honorarios do persoal técnico: xuices, directores de poxa, veterinarios…

CONTÍA DAS AXUDAS

O importe máximo por evento será en función do número de animais:

Número de animais Razas aptitude láctea Razas aptitude cárnica
12 ou menos) 4.000 € 3.500 €
Entre 13 e 30 6.000 € 5.000 €
Entre 31 e 60) 10.000 € 7.500 €
Entre 61 e 100 15.000 € 10.000 €
Máis de 100 20.000 € 15.000 €

De celebrarse nun mesmo evento un certame dunha raza de aptitude láctea e un certame dunha raza de aptitude cárnica, o importe máximo subvencionable será a suma do importe de axuda correspondente a cada certame en función da raza e do tramo en que se atope, segundo o número de animais participantes.

O número máximo de eventos subvencionables por esta orde de axudas será de 2 por entidade solicitante.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

Para os certames celebrados desde o 1 de novembro de 2025 ata a data de publicación desta orde: ata o 13 de febreiro de 2026.

Para os certames que se celebren despois da publicación desta orde: un mes contado desde o día seguinte ao da celebración do evento e coa data límite do 31 de outubro de 2026.

  • Facebook
  • Twitter