– Axudas para a prevención dos danos de fauna silvestre. Ata o 19 de xaneiro de 2026.

Información da axuda

Derogada / Fóra de prazo

RESUMO ELABORADO POR AGACA

Puede consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación” (formato PDF en galego) e consultar a Orde completa na ligazón “web”.

— ORDE do 4 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2026. Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático. DOG Nº 242, 16/12/2025

OBXECTO E FINALIDADE

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo, oso e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, procedendo á súa convocatoria para o ano 2026 (procedemento MT809D).

Estas axudas tramitaranse polo réxime de concorrencia competitiva.

PERSOAS BENEFICIARIAS

Para danos ocasionados polo lobo: persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza Celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

Para danos ocasionados polo oso: persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas asentadas en concellos zona oseira e área de influencia (Baleira, Becerreá, Bóveda, Cervantes, Folgoso do Caurel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra de Brollón, Outeiro de Rei, Pol, Ribas de Sil, Samos, Triacastela, Quiroga, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Rubiá, A Veiga, Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras e Vilariño de Conso).

Para danos ocasionados polo xabaril: persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e as explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo.

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES

a) Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo: para a adquisición e manutención de cans para a protección e defensa do gando, de pastores eléctricos e/ou de cerrumes de malla electrificada, cuxa adquisición se faga, en todos os casos, con posterioridade á publicación desta orde. Será subvencionable a adquisición e manutención de cans protectores e defensores do gando cunha idade inferior ou igual aos catro meses, das seguintes razas: mastín español, mastín do Pireneo e can de palleiro, así como os gastos da súa identificación. O importe máximo das axudas para a adquisición dos cans protectores e defensores do gando, así como os gastos da súa identificación, non excederá os 300 € por can e, no caso de gastos de mantemento, de 200 € por can.

b) Liña para a prevención de danos ocasionados polo oso: para a adquisición de pastores eléctricos, cuxa adquisición se faga con posterioridade á publicación desta orde.

c) Liña para a prevención de danos ocasionados polo xabaril: para a adquisición de pastores eléctricos, cuxa adquisición se faga con posterioridade á publicación desta orde.

Para pastores eléctricos, as axudas poderán cubrir a totalidade do seu custo de adquisición, sen IVE. A contía máxima da axuda por explotación será de 600 €. O número de pastores eléctricos subvencionables determinarase en función do número de reses e tipo de gando, ata un máximo de 3 pastores eléctricos por explotación.

Será subvencionable a adquisición de cerrumes móbiles de malla electrificada. A contía máxima da dita axuda será de 100 € por malla de 50m, ata un máximo de 8 mallas por explotación.

CRITERIOS DE OBTENCIÓN DA AXUDA

Liña 1: Prevención de danos ocasionados polo lobo.

-Titulares de explotacións gandeiras que non recibiron axudas polos mesmos conceptos en convocatorias de anos anteriores: 10 puntos.

-Existencia de danos ocasionados polo lobo na explotación gandeira entre o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026, que fosen avaliados favorablemente pola Comisión de Valoración: 20 puntos incrementándose en 0,5 por cada un dos danos, ata un máximo de 5 puntos.

-Número de cabezas de gando maior: ata un máximo de 20 puntos.

-Número de cabezas de gando menor: ata un máximo de 25 puntos.

-Titulares de explotacións gandeiras que conten cunha liña de aseguramento gandeiro que inclúa como riscos asegurables os ataques por animais silvestres: 5 puntos.

Liña 2: Prevención de danos ocasionados polo oso:

-Número de asentamentos que posúe cada explotación apícola, ata un máximo de
20 puntos.

– Preexistencia de danos comunicados nos últimos anos: 10 puntos.

– Explotacións apícolas sitas nos concellos da zona de influencia: ata un máximo de 20 puntos.

– Titulares de explotacións gandeiras que conten cunha liña de aseguramento gandeiro que inclúa como riscos asegurables os ataques por animais silvestres: 5 puntos.

Liña 3: Prevención de danos ocasionados polo xabaril:

-Solicitantes que non recibiron axudas polos mesmos conceptos en convocatorias de
anos anteriores: 20 puntos.

– Superficie total xestionada pola explotación agraria inscrita no Reaga: ata un máximo de 20 puntos.

-Titulares de explotacións gandeiras que conten cunha liña de aseguramento gandeiro que inclúa como riscos asegurables os ataques por animais silvestres: 5
puntos.

-Explotación agraria destinada ao autoconsumo: 3 puntos.

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación das solicitudes de axuda irá dende o 17 de decembro de 2025 ata o 19 de xaneiro de 2026.

  • Facebook
  • Twitter