RESUMO ELABORADO POR AGACA
Pode consultar/descargar este resumo da Resolución en “Documentación” (formato PDF) e consultar a Resolución completa na ligazón “web”.
— RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (DOG Nº 12, 20/01/2026).
OBXECTO
Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a instalación de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria.
Estas axudas tramitaranse polo réxime de concorrencia competitiva.
O código de procedemento é IN421L
PERSOAS BENEFICIARIAS
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector de produción agrícola primaria.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía.
PROXECTOS SUBVENCIONABLES
Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude.
Serán subvencionables os custos dos investimentos necesarios para o desenvolvemento de instalación que xeren electricidade a partir de fontes de enerxías renovables. En concreto, serán subvencionables as instalacións de xeración eléctrica mediante tecnoloxía fotovoltaica ou minieólica (potencia nominal inferior ou igual a 100 kW) asociadas a algún centro de traballo do sector agrícola primario na modalidade de subministración con autoconsumo.
O investimento elixible máximo por potencia unitaria nominal da instalación será de 1.000 €/kW para instalacións fotovoltaicas e 2.500 €/kW para instalacións minieólicas, IVE non incluído.
O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 6.000 euros por solicitude (IVE non incluído).
Serán proxectos subvencionables as actuacións que acaden un aforro enerxético en relación coa situación inicial igual ou superior a 0,1 kWh de enerxía final por cada euro de investimento elixible.
CUSTOS SUBVENCIONABLES
a) O prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha, así como o custo de elaboración dos documentos técnicos do proxecto.
b) Os proxectos que cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos nos artigos 7 e 8 serán subvencionables.
c) IVE, cando non sexa recuperable
Non serán subvencionables os gastos de legalización, licenzas, funxible, obra civil, operacións de mantemento, vehículos (excepto maquinaria), ou instalacións que xa foron obxecto de subvención anteriormente.
CONTÍA DAS AXUDAS
A contía da axuda será do 30 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 € por empresa, salvo no suposto de instalacións de autoconsumo colectivo en que se establece unha axuda máxima de 500.000 € por proxecto e de 500.000 € por empresa.
A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.
CRITERIOS DE VALORACIÓN
1. Características técnicas:
Para proxectos de aforro e eficiencia enerxética valorarase o cociente de aforro de enerxía:
| Rateo aforro/investimento | Puntuación |
|---|---|
| AE < 0,1 | 0 puntos |
| 0,1 ≤ AE ≤ 1,0 | Puntuación = 50x(AE-0,1)/(1,0-0,1) |
| AE ≥ 1,0 | 50 puntos |
Para proxectos de enerxías renovables:
a) Incidencia do custo enerxético na competitividade do centro de traballo: 3 puntos por cada 1-5 que representen os custos enerxéticos da empresa en relación cos custos totais, ata un máximo de 30 puntos.
b) Instalacións renovables preexistentes:
• Con instalación preexistente da mesma tecnoloxía renovable: 0 puntos.
• Sen instalación preexistente da mesma tecnoloxía renovable: 20 puntos.
2. Explotacións agrarias prioritarias: ata 20 puntos.
3. Localización xeográfica do proxecto: ata 30 puntos (en función da renda dispoñible bruta por habitante do concello en que se desenvolva)
PRAZO DE EXECUCIÓN
A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de outubro de 2026.
PRAZO DE TRAMITACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto dende o 29 de xaneiro ata o 2 de marzo de 2026.



