RESUMO ELABORADO POR AGACA
Pode consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación” (formato PDF) e consultar a Orde completa na ligazón “web”.
— ORDE do 25 de novembro, por la que se establecen as bases que regulan a concesión de axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2026. Consellería do Medio rural. DOG Nº 1, 02/01/2026
OBXECTO
Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión de axudas destinadas ás organizacións ou asociacións de gandeiros recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia para o fomento das razas autóctonas galegas.
Estas axudas tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva.
O código de procedemento administrativo para dita axuda é MR536A.
ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES
Serán subvencionables as actividades levadas a cabo despois da presentación da solicitude de axuda.
As actividades subvencionables serán:
a) Creación ou mantemento de libros xenealóxicos. Os conceptos subvencionables serán os gastos derivados da dita actividade, incluídos os do local ou das oficinas, ordenadores e material informático e o seu mantemento ou actualización, adquisición de material de oficina non inventariable e contratación e gastos de persoal técnico e administrativo.
b) As que deriven do desenvolvemento do programa de cría oficialmente recoñecido para a raza, no cal se recollerán as actividades destinadas á súa conservación in situ, así como a creación e o mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando. As axudas irán dirixidas a sufragar os gastos relativos á implantación e ao desenvolvemento dos programas de cría oficialmente aprobados e os programas de difusión da mellora.
BENEFICIARIOS
Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, que terán a condición de peme, recoñecidas pola Comunidade Autónoma, que estén oficialmente recoñecidas pola Comunidade Autónoma galega para a xestión do libro ou libros xenealóxicos no marco do Programa de cría da raza ou razas autóctonas españolas.
CONTÍA DAS AXUDAS
A contía total da subvención, que se destinará a financiar os custos que ocasione a realización das actuacións subvencionables, con fondos dos orzamentos xerais do Estado, non poderá superar un máximo de 60.000 euros por raza e anualidade.
CRITERIOS DE VALORACIÓN
Na concesión de axudas previstas nesta orde atenderase aos seguintes criterios:
a) Solicitudes das asociacións de segundo grao que agrupen asociacións de criadores de animais de razas puras en perigo de extinción: 3 puntos.
b) Solicitudes de asociacións que xestionan razas autóctonas en perigo de extinción: 2 puntos.
c) Capacidade da organización ou asociación de criadores para desenvolver as actuacións que se financien, especialmente as actividades relacionadas co programa de cría, coa maior eficacia, eficiencia e economía de medios persoais e materiais, tendo en conta os censos e explotacións: 1 punto.
Para avaliar este criterio, o órgano concedente terá en conta que a organización ou asociación de criadores dispoña ou non de persoal técnico e administrativo cualificado e dos medios materiais necesarios para a xestión dun libro xenealóxico: equipo informático, software específico, aparatos de medición e vehículo de transporte.
d) Realización de actividades contempladas no artigo 11 do Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, polo que se establecen as normas zootécnicas aplicables aos animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, se actualiza o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras e se modifican os reais decretos 558/2001, do 25 de maio; 1316/1992, do 3 de outubro; 1438/1992, do 27 de novembro; e 1625/2011, do 14 de novembro: 5 puntos.
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende o 3 de xaneiro ata o 3 de febreiro de 2026.



