- Esta mañá a cooperativa Horsal acolleu o programa “Coldar, coidarte” sobre envellecemento activo e atención a maiores.
- A cooperativa Paco & Lola acollerá esta tarde unha das xornadas do programa ”Atrévete Contigo Mesma”, sobre empoderameento feminino.
- Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e Obra Social “la Caixa” desenvolven as campañas.

Unha vintena de persoas socias da cooperativa hortícola Horsal (Vilariño, Cambados) asistiu esta mañá ás charlas da iniciativa “Coidar, coidarte”, impartidas por profesionais da atención a persoas maiores e con dependencia. A cita tiña un dobre obxectivo: dunha banda mostrar os signos máis común do envellecemento e como combatelos mediante dieta, exercicio e mesmo hábitos de socialización.
Doutra banda, máis práctica, dar pautas para que quen estea a cargo unha persoa maior ou con dependencia poida mellorar a atención que lle proporciona, sen prexudicar o seu propio benestar facéndoo. Para iso, explicáronse varias técnicas para mover con facilidade a persoas con mobilidade reducida en tarefas cotiás.
Asistiron á xornada os presidentes de Horsal e AGACA, respectivamente Alberto Amil e José Montes, e Francisco de Borja Sabadell, director da oficina CaixaBank en Cambados.
Empoderamento
“Atrévete Contigo Mesma” recalará esta tarde ás 16:00 en Meaño, nas instalacións da adega cooperativa Paco & Lola, onde está prevista a presenza de Susana López, Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.
A iniciativa busca dar visibilidade ás capacidades de liderado das socias das cooperativas, a miúdo subestimadas por elas mesmas, para fomentar que máis mulleres se incorporen activamente as actividades e os órganos de decisión das cooperativas. Ruth Rodríguez, técnica de AGACA e Axente de igualdade, guiará esta parte da actividade.
Ademais, Loli Couso, técnica de AGACA e coach, empregará técnicas de coaching, para achar situacións que, segundo as socias das cooperativas, impiden a súa maior participación na vida activa das entidades e tamén xeitos en que resolvelas.
Compromiso social
“Atrévete Contigo Mesma” e “Coidar, coidarte” forman parte da colaboración entre AGACA e a Fundación Obra Social “la Caixa” para desenvolver un plan de accións sociais que inclúe tamén iniciativas para a incorporación de mozas á actividade agraria e o fomento do consumo diario de almorzos sans na infancia.




