A Unión de Cooperativas AGACA solidarízase coas manifestacións e tractoradas dos produtores agrícolas e gandeiros de Galicia, España e Europa, que mostran a situación de insostibilidade presente e futura que vai levarse por diante ao sector agrícola e gandeiro. Neste punto, consideramos importante que a Comisión Europea, o Goberno de España e a Xunta de Galicia garantan sempre a libre circulación de mercadorías e protexan o mercado europeo de actos vandálicos que se produzan en fronteiras (francesa e portuguesa) e que poden destruír producións españolas e galegas con destino ao resto da UE.
As actuais mobilizacións son o resultado da absoluta frustración dunha gran parte do sector e da falta de diálogo: nin a Comisión Europea, nin o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico en España, encargado de gran parte do desenvolvemento das políticas que penden do Pacto Verde e que afectan á produción (enerxía, medio ambiente e auga), recibiron aos representantes do sector agrario nos últimos 5 anos, nin debateron o cambio dun modelo produtivo complexo que debe ser aplicado polos agricultores e gandeiros. Limitáronse a poñer uns obxectivos ambiciosos, sen estudos de impacto e sen coñecemento da realidade produtiva nin dos mercados, sen evidencia científica, sen propoñer os medios necesarios para conseguilos e sen establecer un ritmo de progresión coherente e factible.
A Unión de Cooperativas AGACA esixe un diálogo inmediato ao máis alto nivel, na UE e en España, para abordar de maneira coherente e con tempo, o cambio de modelo produtivo porque sen rendibilidade, sen persoas e sen actividade económica nas comarcas rurais non se conseguirá unha sostibilidade de ningún tipo.
Ademais, a nova PAC, con menos presuposto e axudas, esixe a adopción de medidas medioambientais, de benestar animal e unha burocracia inabordable que os produtores non poden implantar a curto prazo, especialmente cando están sufrindo o impacto do cambio climático e de secas, teñen un custo moi elevado e deben revisarse e adaptarse. Mentres tanto, os enfoques colectivos e a aposta pola innovación foron postergados.
O mercado e os consumidores non remuneran, nin remunerarán, os esforzos por acadar unha maior sostibilidade medioambiental. Existe unha clara incoherencia entre os estritos requisitos esixidos a toda a produción europea fronte ás importacións de terceiros países que provocan unha desigualdade competitiva. O resultado é unha cadea agroalimentaria sen valor e uns produtores sen rendibilidade, sen substitución xeracional e abocados ao abandono, con consecuencias no medio ambiente e no territorio, xa visibles na Galicia e na España baldeirada.
Descoñecemento do sector
O sector agrario e gandeiro da UE ten un problema moi serio e profundo coa mala imaxe da agricultura e gandería difundida por certas elites sociais e por grupos de opinión descoñecedores absolutos da realidade produtiva. Esta situación social, unida a unha pésima rendibilidade produtiva, provoca que non exista substitución xeracional. A entrada en vigor de normas absurdas acelera o abandono da produción e do medio agrario e natural con gravísimas consecuencias futuras que a elite social e política dirixente non estuda nin é capaz de imaxinarse.
A agricultura e a gandería son o motor da UE, ningunha solución pasará por destruílas, senón por reforzalas, mellorar o seu funcionamento, e dar o valor que se merece á produción de alimentos europeos. Urxe que elites sociais e políticas escoiten a necesidade de investigar para o sector, de investir na súa mellora, de apostar por un futuro económico, social e ambiental mellor. Ademais, en Galicia os agricultores e gandeiros enfróntanse neste intre a un problema a maiores, coas enfermidades e pragas que atacan brutalmente ao gando e aos nosos cultivos, que aínda fai máis difícil mirar ao futuro con esperanza.



