No marco do proxecto europeo Interreg POCTEP ES-Factory, AGACA pon en marcha o programa Espazos Efímeros de Emprendemento, unha iniciativa dirixida a apoiar ás cooperativas e ás empresas mercantís da súa propiedade maioritaria na promoción, innovación e modernización das súas estratexias comerciais.
Os Espazos Efímeros desenvolveranse na Praza de Abastos de Santiago de Compostela, o segundo monumento máis visitado da cidade, en cinco sesións de fin de semana (venres e sábado abertas ao público). Trátase dunha oportunidade única para que as entidades participantes poidan expoñer e promocionar os seus produtos agroalimentarios nun espazo de grande visibilidade, de maneira totalmente gratuíta.
Desde AGACA animamos a todas as cooperativas socias e a empresas S.A. e S.L. con propiedade maioritariamente cooperativa a participar nesta convocatoria, concibida como unha fonte de aprendizaxe práctica, coñecemento do mercado e impulso dos proxectos empresariais.
O programa contará con stands propios, acceso a sala de reunións e cociña industrial, e estará xestionado pola empresa especializada en promoción comercial QMQ. As entidades participantes disporán, ademais, de asesoramento personalizado en distintos ámbitos clave: definición da estratexia comercial, técnicas de comunicación e negociación, resolución de dúbidas loxísticas e operativas, así como orientación sobre a posibilidade legal de realizar venda directa durante o evento.
De maneira complementaria, cada proxecto contará con apoio técnico no montaxe do espazo efémero, incluíndo a preparación do mobiliario, o deseño de materiais e a produción de material gráfico específico.
Os Espazos Efímeros de Emprendemento están tamén abertos a outras empresas da economía social de Galicia e do norte de Portugal, reforzando así o carácter transfronteirizo e colaborativo do proxecto ES-Factory.
📅 Prazo límite de inscrición: 26 de xaneiro
📄 Formulario de inscrición: https://forms.gle/5pnZBWYXCQdjTfji9
👉 Gratuito
Unha vez realizada a inscrición, o equipo de QMQ contactará coas entidades participantes para resolver as dúbidas organizativas e concretar os seguintes pasos.




