- A ganadeira Lucía Casal, de Melide, recolleu o venres o Premio Nacional de Xuventude en categoría Medio Ambiente, concedido polo Instituto de la Juventud (Injuve).
Lucía Casal (20 anos) utiliza as redes sociais, coma Tiktok (https://www.tiktok.com/@luciiaacasal), onde é seguida por 14.800 persoas, para mostrar o día a día do seu traballo como gandeira para dar apoio a outras persoas mozas que necesitan orientación no sector. A explotación melidense onde desenvolve á súa actividade conta 30 vacas de raza rubia galega e funciona en semi-extensivo, aínda que pretende transformala en extensiva, grazas ao uso correcto dos recursos e ao desenvolvemento sostible, respectando a protección e conservación do medio ambiente e o benestar animal.
O premio vén acompañado de 5.000€ e recoñece “o labor de Lucía Casal Vázquez por defender e promover un modelo de produción sostible medioambientalmente”. A candidatura de Lucía Casal foi presentada por AGACA e Coooperativas Agro-alimentarias de España.
Tamén na categoría Medio Ambiente recibiu unha mención honorífica o mallorquín Antonio Seguí, gandero e agricultor ecolóxico.
Os Premios Nacionais da Xuventude premian a traxectoria, o esforzo e o compromiso de persoas mozas menores de 30 anos que desenvolven un labor relevante en distintos ámbitos da sociedade. Outras categorías son Compromiso Social, Cultura, Deporte, Ciencia e Tecnoloxía e Recursos Humanos.



