A cooperativa agroalimentaria AIRA, entidade socia de AGACA e unha das cooperativas de referencia en Galicia, vén de sumarse á marca colectiva Producto Cooperativo, unha iniciativa promovida por Cooperativas Agro-alimentarias de España co obxectivo de poñer en valor os alimentos procedentes do modelo cooperativo.
Con esta nova adhesión, xa son 33 as cooperativas agroalimentarias integradas nesta marca, que representa o traballo e o compromiso de máis de 174 000 familias produtoras en todo o Estado. En Galicia, ademais de AIRA, outras cooperativas como Horsal e Eidosela tamén contan con produtos baixo esta marca, poñendo en valor o peso do cooperativismo galego dentro desta iniciativa. Todas elas comparten unha forma de producir baseada na sostibilidade económica, social e ambiental, así como nunha forte vinculación co territorio.
Baixo o lema “Sabor auténtico do campo”, Producto Cooperativo vai máis alá dun simple distintivo. Trátase dunha ferramenta pensada para facilitar ás persoas consumidoras a identificación de alimentos con orixe garantida, elaborados con altos estándares de calidade, seguridade alimentaria e responsabilidade social, e procedentes de empresas comprometidas co desenvolvemento do medio rural e coa creación de emprego estable.
TRES VIAJEROS, un queixo cooperativo con identidade galega
No caso de AIRA, o produto que se incorpora á marca é TRES VIAJEROS, un queixo cremoso con Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, que simboliza a tradición queixeira de Galicia e o valor engadido que achega o modelo cooperativo á elaboración de alimentos de calidade.
A cooperativa elabora exclusivamente produtos 100 % galegos, empregando leite recollido a diario nas granxas familiares das persoas socias. Este sistema garante a frescura e excelencia da materia prima, ao tempo que contribúe ao mantemento de miles de explotacións gandeiras e ao fortalecemento do tecido rural galego.
AIRA, cooperativismo lácteo con visión de futuro
Con máis de 3000 ganderías socias e arredor de 300 persoas traballadoras, AIRA consolidouse como un dos principais referentes do cooperativismo lácteo en Galicia. A súa actividade baséase nun modelo cooperativo moderno, innovador e sostible, orientado a impulsar o sector lácteo e o desenvolvemento do rural.
A cooperativa aposta pola innovación tecnolóxica, a sostibilidade e unha relación próxima coas persoas socias, ofrecendo solucións integrais adaptadas ás necesidades do sector. Ademais, controla todo o proceso produtivo, desde a recollida do leite ata a transformación e comercialización dos produtos, reforzando así a trazabilidade e a confianza das persoas consumidoras.
A incorporación de AIRA á marca Producto Cooperativo supón un novo paso adiante para esta iniciativa colectiva, que continúa medrando e achegando ao mercado alimentos con orixe, calidade e valores cooperativos.




