- A xornada “Agricultura a tempo parcial e o sector vitivinícola”, organizada onte pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) en Santiago de Compostela respondeu dúbidas dos profesionais do sector.
Unha trintena de profesionais do sector agrario, membros de consellos reitores de cooperativas vitivinícolas, asistiu onte en Santiago a unha xornada especializada en aspectos lexislativos, laborais e mercantís do sector agrario, organizada por AGACA.
Benito Vidal, experto en lexislación laboral, respostou cuestións acerca da actual normativa de traballo. Un dos puntos de maior interese para o público foi o das persoas que axudan nos labores da viña sen retribución, onde Vidal aclarou que o Estatuto dos Traballadores exime da obriga de dar de alta na seguridade social a quen axude por amizade, benevolencia ou boa veciñanza, ou como traballo familiar (a Administración en Galicia establece a consanguinidade de segundo grao como límite para acollerse a esta excepción).
Outra preocupación moi presente entre os asistentes é a obriga dos agricultores a tempo parcial de adherirse ao réxime de autónomos o que podería chegar a causar prexuízos para o mundo rural, baixo o argumento de que poderían abandonarse viñas se a viticultura a tempo parcial deixa de resultar rendible.
Sobre o abandono incidiu tamén Víctor Novo, xefe de servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural: “Calquera propietario está obrigado a tratar sanitariamente a súa finca, aínda que estea abandonada. Se non vai coidar a viña, debe arrincala ou arríscase a ser sancionado se sofre algún problema que supoña risco sanitario”.
Outro foco de interese foron as condicións de aplicación de produtos fitosanitarios Novo aclarou o Real Decreto 1311/2012, que establece, con carácter xeral, que poden aplicalos persoas titulares de explotacións co carné adecuado ou empresas de servizos, porén, matizou: “A Administración utiliza o límite do segundo grado de consanguinidade, sabendo que ás veces o titular da explotación pode ser alguén de avanzada idade ou sen formación suficiente para conseguir o carné eles mesmos.” Ademais, manifestou que a aplicación de fitosanitarios pode supoñer unha oportunidade de emprego, pois persoas co carné adecuado poden constituírse como empresa de servizos.
Finalmente, Enma Castro, directora da área Vitivinícola en Cooperativas Agro-alimentarias de España, centrouse en aspectos comerciais e mercantís desenvolvidos polo Plan de apoio ao sector vitivinícola de España 2019/2023 que recolle medidas de promoción en mercados de terceiros países, de reconversión e reestruturación de viñedo e de investimentos, e pola Organización Interprofesional Vitivinícola de España, que ademais recolle medidas para a regulación dos mercados do viño, para a simplificación administrativa das adegas e para a promoción do viño.




