- A cooperativa de Curtis Coba de Vales acolleu esta mañá a Xornada “Atrévete Contigo Mesma” organizada por AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e Obra Social “la Caixa”.
- Persoal de AGACA especializado en Igualdade e en Coaching achegaron pautas para acadar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres nos órganos de decisión das cooperativas.
Unha vintena de persoas socias da cooperativa láctea Coba de Vales asistiu esta mañá a unha das Xornadas do programa “Atrévete Contigo Mesma”, co obxectivo de atopar xeitos de contrarrestar a escasa participación das mulleres cooperativistas nos órganos de decisión destas entidades e aprender xeitos de facilitar o seu acceso aos mesmos.
Loli Couso, técnica de AGACA e coach, xunto con Higinio Mougán, director-xerente de AGACA, desenvolveron a parte práctica e teórica da xornada. Comezou coa exposición da situación das cooperativas en materia de xénero: o 88% dos integrantes de Consellos Reitores de cooperativas agroalimentarias galegas son homes, malia que a porcentaxe de socias ascende ao 49%.
A continuación, desenvolvéronse exercicios de motivación que incidiron en aspectos individuais e persoais, poñendo en valor as capacidades das socias e afondando na casuística que as afasta dos postos de responsabilidade (por exemplo, propuxéronse xeitos lograr a corresponsabilidade no fogar e a conciliación familiar). En canto ao ámbito institucional, as socias propuxeron servizos que a cooperativa podería potenciar para facilitarlles o acceso a cargos nos consellos reitores.
Implicación social
AGACA e Obra Social “la Caixa” impulsan a iniciativa “Atrévete Contigo Mesma” como parte das súas actividades en prol da igualdade de xéneros. Ata o de agora, oito cooperativas das provincias de A Coruña, Pontevedra e Lugo participaron xa nas xornadas “Atrévete Contigo Mesma”, cunha media de 50 participantes por sesión.




