Texto de “Gestión Participativa”
- As cooperativas, a súa idea e a práctica dos intereses comúns organizados en cooperativas, foron incluídas na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. A decisión foi adoptada polo Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, celebrado o 2 de decembro, na cidade de Adis Abeba en Etiopía.
A Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial é o instrumento xurídico internacional que dende 1992 trata de dar resposta ás posibles ameazas sobre o patrimonio derivados dos procesos de globalización e das transformacións sociais que continuamente estamos a vivir.
A importancia deste recoñecemento, Patrimonio Cultural Inmaterial, non estriba na manifestación cultural en si, senón no valor social e económico desta transmisión de coñecementos é pertinente para os grupos sociais tanto minoritarios como maioritarios dun Estado, e reviste a mesma importancia para os países en desenvolvemento que para os países desenvolvidos.
O patrimonio cultural inmaterial é importante porque nos infunde un sentimento de identidade e pertenza vinculando o noso pasado co noso futuro a través do presente. A UNESCO recoñece desta forma a achega mundial e transformadora do movemento cooperativo no seu conxunto e describe ás cooperativas como entidades que “permiten a construción de comunidades a través de intereses e valores compartidos, creando solucións innovadoras aos problemas sociais, xerando emprego e axudando ás persoas para construír proxectos”.
A principios deste ano, tamén se agregou á Memoria do Mundo da UNESCO a colección de correspondencia de Robert Owen, fundador do movemento cooperativo. Dende agora o movemento cooperativo forma parte, de maneira oficial, do patrimonio mundial común, o que debe traducirse nunha maior protección e salvagarda, por parte de gobernos e axencias mundiais, das cooperativas e as organizacións que velan pola súa continuidade.
Ver noticia en www.unesco.org
Ver: Texto oficial de la Decisión de la Comisión (inglés)




