- Estudantes do CEIP Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, participarán mañá na primeira das 20 xornadas previstas no programa “Almorz@ con Beizos Brancos” para o curso 2016/2017.
- A actividade inclúe unha charla didáctica sobre alimentación sa, exercicios lúdicos e un almorzo equilibrado e con produtos naturais.
- No curso pasado, AGACA e Obra Social “la Caixa” repartiron máis de 500 almorzos saudables en 11 centros de ensino.
Alumnos de segundo ciclo de primaria do CEIP Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) inauguran para o curso 2016 / 2017 as actividades de “Almorz@ con Beizos Brancos”, un programa organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA)e Obra Social “la Caixa” que ten por obxectivo difundir fórmulas nutricionais sas entre os escolares de Galicia.
Escola e familia
O almorzo incide tanto no desenvolvemento físico como no rendemento académico de nenos e nenas: é unha das premisas que defende “Almorz@ con Beizos Brancos, que busca resaltar a importancia de inxerir unha correcta achega enerxética mediante alimentos sans antes de ir á escola.
Nas aulas poderase probar un menú de almorzo equilibrado e completo, composto por alimentos naturais. Ademais, pedirase aos escolares que elaboren propostas de almorzos saudables para presentar como alternativas ás súas familias e incorporar á dieta diaria.
Por outra banda, os nenos e nenas aprenderán os procesos que pasa o leite dende que se extrae das vacas ata que chega aos seus vasos, mediante unha actividade lúdica.
Compromiso duradeiro
Tras o éxito de “Almorz@ con Beizos Brancos” no curso pasado, con 11 centros educativos (4 da provincia da Coruña, 4 de Pontevedra, 2 de Lugo e 2 de Ourense) e máis de 500 estudantes participando, AGACA e Obra Social “la Caixa” aumentaron este ano o número de actividades a 20, dando tamén cabida a alumnado de secundaria.
A actividade comezará mañá, 25 de outubro, ás 10:30h, no CEIP Vilaxoán (Rúa da Cultura, 4, Vilagarcía de Arousa)




