- Unha trintena de persoas socias da Cooperativa de Meirás (Cantodomuro – Valdoviño) participa desde onte nun curso homologado para a obtención do carné de aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios.
AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) imparte entre o día 17 e o 25 de outubro un curso orientado á obtención do carné obrigatorio para adquirir e empregar profesionalmente produtos fitosanitarios.
O alumnado do curso de nivel básico de Aplicador/Manipulador de Produtos Fitosanitarios recibirá formación teórica e práctica que cobre os ámbitos esenciais para traballar de forma segura con estas sustancias; entre eles: tipoloxía, manexo e hixiene de equipos de aplicación, tipos e doses de produtos fitosanitarios, normas de seguridade e prevención de riscos e interpretación de etiquetas.
AGACA conta coa homologación da Consellería do Medio Rural para a impartición de cursos de obtención de carnés, tanto de nivel básico como superiores, no ámbito fitosanitario e vén realizando accións, adaptadas ás necesidades das cooperativas, nas que participaron xa máis de 300 persoas.




