- As participantes en iniciativas de “empoderamento feminino” impulsadas por ambas as entidades recibiron unha homenaxe pola conmemoración internacional promovida pola ONU o 15 de outubro.
- O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, destaca que “as mulleres supoñen o 50% das socias” e incide na “igualdade como obxectivo irrenunciable” da organización.
A Fundación Feiraco e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) celebraron hoxe o Día Internacional da Muller Rural, efeméride promovida pola ONU e que se conmemora mañá ábado, 15 de outubro, en todo o mundo. Nun acto celebrado na sede da Fundación, en Ponte Maceira, púxose en valor a participación de 50 mulleres no taller sobre “Empoderamento da muller como persoa socia das cooperativas”, que se celebrou durante os meses de xullo, agosto e setembro pasados dentro do programa de accións da Rede Eusumo da Xunta de Galicia.
No acto, no que participaron o director xeral de Feiraco, José Luis Antuña; o director xerente de AGACA, Higinio Mougán; a vicepresidenta de Feiraco, Carmen Rodríguez e a secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural, Carmen Bouso, quíxose distinguir a contribución das mulleres ao desenvolvemento do sector cooperativo e do rural. Esta iniciativa enmárcase nas diferentes actuacións de Responsabilidade Social Empresarial que se promoven tanto desde a Fundación Feiraco como desde AGACA co obxectivo de eliminar aqueles obstáculos que poidan atopar as mulleres no acceso a cargos de responsabilidade e para promover unha maior integración feminina en os órganos de decisión das cooperativas.
O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, destacou na súa intervención que as mulleres supoñen “o 50% dos socios gandeiros da cooperativa, socias pois e gandeiras nunha linguaxe sen estereotipos”. Ademais, lembrou que en Feiraco “apostamos por ser unha cooperativa socialmente responsable, e a igualdade entre homes e mulleres, entre as nosas socias e socios, traballadoras e traballadores, é un obxectivo irrenunciable”. Tamén se referiu ao grupo Mulleres de Seu, “integrado polas socias da nosa cooperativa para promover o desenvolvemento das mulleres e dignificar o seu papel no ámbito rural”.
Rede Eusumo, fomento do cooperativismo e a economía social
Trátase dunha rede de colaboración cofinanciada polo Fondo Social Europeo e impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta para o fomento da economía social e o cooperativismo. Trata de impulsar tamén o espírito emprendedor prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social e fomentar o modelo empresarial en o ámbito local a través de accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego cooperativo.




