COMUNICADO DE PRENSA:
- Os sectores apícolas de ASAJA, UPA e Cooperativas Agro-alimentarias de España manifestan a súa preocupación ante a mala situación que atravesa o sector nestes momentos e solicitan medidas que defendan a apicultura española.



Segundo os datos ofrecidos por Datacomex, as importacións en 2015 de mel incrementáronse un 25% con respecto a 2014 (de 24.500 Tm a 30.600 Tm) e case un 40% con respecto a 2013 (22.100 Tm). China continúa sendo a principal orixe das importacións, cunha cota próxima ao 60% e o volume de mel importado continúa crecendo, un 16% neste último ano. Fóra da contorna comunitaria, en volume de mel o segundo país é México cun crecemento do 288,3% e 883,2% con respecto a 2014 e 2013, e en terceiro lugar Ucraína cun crecemento do 82,8% e 288,3% en comparación a 2014 e 2013. Na contorna comunitaria tamén se observan fortes incrementos das importacións doutros países, como Polonia, que se situou como o segundo país de orixe das nosas importacións, cun crecemento do 38,7% e do 206,7% en relación 2014 e 2013.
Este escenario contrasta coa situación no mercado interior totalmente paralizado. A segunda metade do ano 2015 e o xa avanzado primeiro semestre de 2016 caracterizáronse por unha falta de movemento comercial, con propostas de compra moi puntuais, o que provocou que se acumule nos almacéns unha importante cantidade de mel da campaña pasada.
Á mala situación comercial súmase unha campaña de primavera na que a produción se reduciu significativamente, mesmo nalgúns meles monoflorais a cantidade recollida foi testemuñal, como o romeu ou o azar. A pesar desta baixa produción, a comercialización e os prezos pagos aos produtores non evolucionaron. Todo isto fai prever que esta campaña se converterá na máis complicada para o sector dos últimos anos, xa que aos problemas sanitarios que está a sufrir, engadiranse os problemas de produción e comerciais.
Para o sector é primordial avanzar na orixe da etiquetaxe do mel, xa que a falta de transparencia favorece que as empresas aposten por meles de baixo prezo, de menor calidade e que non cumpren o modelo europeo de produción, como está a quedar patente cos datos ofrecidos anteriormente.




