- A iniciativa tivo lugar a pasada semana, co obxectivo de compartir coñecementos e experiencias para poñer en valor a participación das mulleres nos órganos de decisión das cooperativas.
- Representantes de AGACA acudiron para presentar o programa “Atrévete Contigo Mesma” de empoderamento feminino, e Dolores Calvo, presidenta da adega Condes de Albarei, amosou as actividades en prol da igualdade da cooperativa.
- Cooperativas Agro-alimentarias de Castilla-La Mancha e Fundación Obra Social “la Caixa” organizaron a Xornada.
O pasado 20 de abril celebrouse en Mota del Cuervo (Cuenca) a xornada “Igualdade de Oportunidades. Ti tamén podes”, na cooperativa Nuestra Señora de Manjavacas, na que se achegaron claves para o empoderamento das cooperativistas e para dar valor á súa participación nesas entidades, ademais de intercambiar experiencias e coñecementos en materia de igualdade de oportunidades.
Representantes de AGACA, especialistas en Igualdade e coaching, participaron no encontro para amosar as actuacións desenvolvidas en Galicia no marco do programa “Atrévete Contigo Mesma”, realizado con Obra Social “la Caixa”, para o empoderamento feminino e a posta en valor do papel das mulleres asociadas no desenvolvemento da actividade das cooperativas, co fin de fomentar a súa participación efectiva na actividade das mesmas.
Pola súa banda, Dolores Calvo, presidenta da adega Condes de Albarei, interveu na mesa redonda “Barreiras para a incorporación das mulleres ás cooperativas”, explicando, polo miúdo as iniciativas da bodega cooperativa a este respecto e todas as medidas que leva a cabo en canto a Responsabilidade Social Corporativa.
Durante a Xornada “Igualdade de Oportunidades. Ti tamén podes” puxéronse de manifesto os datos de participación das mulleres nas cooperativas (un 23% dos 150.000 cooperativistas manchegos son mulleres, fronte ao 49% en Galicia) e a necesidade de incrementar a baixa porcentaxe de mulleres socias que desempeñan un papel activo nestas entidades.
En marzo, representantes de Cooperativas Agro-alimentarias de Castilla – La Mancha e persoas asociadas a Nuestra Señora de Manjavacas participaron en Galicia nas Xornadas de Transferencia de Coñecementos, onde coñeceron os proxectos de AGACA en materia de desenvolvemento rural e comprobaron o funcionamento das accións de AGACA en proxectos sociais, entre eles a iniciativa “Atrévete Contigo Mesma”. Puideron tamén visitar as cooperativas Feiraco e Condes de Albarei para coñecer os seus programas de igualdade de oportunidades, de man das mulleres asociadas.




