- Representantes de AGACA atópanse dende onte en Castilla-La Mancha co fin de compartir as iniciativas desenvolvidas en materia de Igualdade de Xénero cos representantes da organización homóloga nesa Comunidade Autónoma.
Este encontro servirá para poñer en común coñecementos e boas prácticas para o fomento da incorporación da muller nos Órganos Directivos das cooperativas agroalimentarias e perfilar accións en conxunto co fin de promover un papel máis activo das mulleres nas cooperativas das que forman parte.
As mulleres, en Galicia, só ocupan o 3% das presidencias de cooperativas, e só o 12% dos postos en consellos reitores. En canto á distribución do traballo, o 56% das cooperativistas emprega de 4 a 8 horas diarias na explotación; o 25%, de 8 a 11 horas. A esta faceta profesional súmase a familiar: só o 9% das socias de cooperativas afirma ocuparse das tarefas domésticas o mesmo tempo que a súa parella (no 90% dos casos, a muller é a única encargada).
Esta acción desenvólvese dentro do Convenio asinado entre Cooperativas Agro-alimentarias de España e o Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade, no que participan Agaca e varias cooperativas galegas.




