- A Consellería de Economía, Emprego e Industria foi a impulsora de iCOOPERA, un proxecto de promoción do cooperativismo mediante o impulso da I+D+i e a utilización das TIC.
- O establecemento de redes de intercooperación entre cooperativas de diversos sectores, a formación en tecnoloxías da información e da comunicación, e a implantación de recursos dixitais son algún dos piares do programa.
Preto de medio centenar de persoas participaron esta mañá en Santiago de Compostela na xornada de presentación de resultados do programa iCOOPERA, que comezou a finais de 2014 para achegar as cooperativas ás tecnoloxías da información e da comunicación e aos proxectos de I+D+i.
Durante os 15 meses que durou o programa, 94 cooperativas participaron en iCOOPERA en diferentes modalidades. Por unha banda, iCOOPERA daba a oportunidade ás entidades participantes para, gratuitamente, crear ou redeseñar a súa imaxe corporativa. Por outra banda, ofrecía a posibilidade de implantar ou redeseñar páxinas web e redes sociais, como medios para contactar co público potencial para os seus produtos e servizos.
A maiores, elaboráronse 44 estratexias de marketing en Internet e prestouse apoio ao desenvolvemento e implantación de aplicacións de xestión baseadas en software libre para sete cooperativas.
Representantes de dúas das entidades que se beneficiaron do programa contaron os resultados obtidos nas súas cooperativas: José Cuadrado, da cooperativa agroalimentaria Terras da Mariña, de recente creación, valorou positivamente como a presenza activa en redes sociais axudou a dar a coñecer os seus produtos e a conseguir clientes; Rosana Francisco, de Seisporoito, especializada na ensinanza musical, incidiu nas facilidades que supuxo contar cunha páxina web para a xestión de alumnos e a difusión de actividades entre o público xeralista.
Intercooperación
Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego, destacou que o programa iCOOPERA contribuíu a outras estratexias da Consellería de Economía, Emprego e Industria , coma o Plan Estratéxico para o Cooperativismo, que xa apuntaba á necesidade de impulsar “a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación para favorecer a creación de proxectos de cooperación e intercambio de experiencias e coñecementos entre axentes do Sistema Galego de Innovación”.
Neste senso, iCOOPERA contemplou a creación de redes de intercooperación: conxuntos de cooperativas que traballan conxuntamente, transmiten coñecementos e intercambian servizos cun fin común. Promovéronse redes de intercooperación para a xestión da canle comercial nas cooperativas, a eficiencia enerxética, a valorización dos residuos agrarios , o impulso das TIC no ensino e tamén na mellora loxística nos transportes.
Éxitos en marcha
Para mostrar xeitos nos que as redes de intercooperación supuxeron melloras nos procesos de traballo e nos resultados das cooperativas, Marián Fernández presentou a experiencia do Cable Inglés na organización de eventos de carácter cultural, en conxunto coa cooperativa vitivinícola Martín Códax, e Celso Gándara, da consultoría e asesoría Algalia, afondou nas vantaxes obtidas da cooperación con diversas entidades para intercambiar coñecementos e perfeccionar os servizos ofrecidos aos seus clientes.




