- Mañá terá lugar nas instalacións da cooperativa Icos a xornada “Atrévete Contigo Mesma” de empoderamento e motivación das mulleres do contorno rural vinculadas a cooperativas, organizada por AGACA e Obra Social “la Caixa”.
- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López, intervirá no acto de inauguración.
Co gallo da celebración da Xornada “Atrévete Contigo Mesma”, as socias da cooperativa Icos —especializada enlácteo subministracións e servicios agrarios— terán ocasión de escoitar e intervir nunha charla sobre o contexto das mulleres que viven no medio rural galego, asociadas a cooperativas, así como de recibir claves para lograr unha mellor conciliación das súas vidas persoais e profesionais, permitíndolles participar máis activamente na toma de decisións que afecten á cooperativa.
A intención da actividade é non só poñer de manifesto o peso da figura da muller para o avance e mantemento das poboacións rurais senón tamén darlles a oportunidade de expoñer coas súas propias palabras qué botan en falta ou valoran positivamente con respecto da cooperativa á que pertencen.
Deste xeito, a Xornada inclúe unha sesión de coaching que busca motivar ás socias para que tomen conciencia das súas propias capacidades e se integren en maior proporción nos órganos de decisión das cooperativas.
Compromiso
AGACA e Obra Social “la Caixa” impulsan a iniciativa “Atrévete Contigo Mesma” como parte das súas actividades en prol da igualdade de xéneros. Ata o de agora, seis cooperativas das provincias de A Coruña e Lugo participaron xa nas xornadas “Atrévete Contigo Mesma”, cunha media de 50 participantes por sesión. Continúase a traballar para organizar xornadas tamén en Ourense e Pontevedra, nos vindeiros meses.
Xornada “Atrévete Contigo Mesma”
– 2 de decembro, mércores — COOPERATIVA ICOS (Sobreira – Fornas, s/n — Chantada, Lugo) de 11:00 a 15:00 h.




