- Galicia, como principal comunidade produtora de leite en España, resulta especialmente afectada por estas prácticas, que poden distorsionar a competencia e presionar aínda máis os prezos en orixe.
- A transparencia na etiquetaxe non é só unha cuestión informativa, senón un elemento clave para garantir a sustentabilidade das explotacións e o equilibrio da cadea alimentaria.
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) súmase á preocupación manifestada por Cooperativas Agro-alimentarias de España ante determinadas prácticas comerciais na venda de leite envasado que poden xerar confusión no consumidor sobre a orixe real do produto.
A entidade nacional indica na súa comunicación que «nos lineais dalgunhas cadeas de distribución están a comercializarse briks de leite que incorporan denominacións, elementos gráficos ou símbolos asociados a territorios tradicionalmente vinculados á produción láctea en España, mentres que na etiquetaxe figura como orixe “Unión Europea”.
Aínda que a orixe está indicada conforme á lexislación aplicable, a utilización de determinados elementos de márketing induce ao consumidor a asociar o produto con leite de orixe nacional, cando en realidade procede doutros países europeos».
O cooperativismo agroalimentario galego considera fundamental garantir unha información clara, veraz e facilmente identificable no punto de venda, especialmente nun contexto de especial sensibilidade cara á orixe dos alimentos e de crecente dificultade para a viabilidade das explotacións lácteas.
Neste sentido, AGACA apoia o chamamento á responsabilidade de todos os elos da cadea e a unha maior vixilancia do mercado, en defensa dun sector estratéxico para o noso territorio.



