A agricultura en Galicia avanzou moito en sostibilidade. As nosas persoas produtoras do ámbito agrícola e gandeiro aprenderon a producir máis e mellor, coidando o medio ambiente, pero con graves ameazas estruturais e sociais que condicionan o seu futuro. Neste último lustro podemos afirmar que o sector primario tivo un resultado económico con crecemento de resultados grazas a unha mellora dos prezos percibidos polos produtores e produtoras e unhas producións que se manteñen ou incrementan en volume. Pero cada vez hai menos profesionais por conta propia e máis traballadores e traballadoras por conta allea ligadas ao sector. Aumenta a necesidade de máis persoas estranxeiras no sector que acheguen a súa man de obra converténdose no reto clave do sector para o futuro.
Unha gran debilidade do noso sector primario é a dependencia de materias primas extra-comunitarias, especialmente para fertilizantes e para os pensos. Pero tamén somos dependentes dos mercados comunitarios e extra-comunitarios para comercializar as nosas grandes producións ligadas ao sector lácteo, cárnico e de viño.
Dende o 2010 ata o 2022 contraeuse un 50 % o uso de antibióticos antimicrobianos veterinarios, mentres que o valor da produción animal se incrementou. Diminuíu de xeito drástico o risco asociado ao uso de fitosanitarios e o seu perfil tóxico no contorno do 45 %, pese á forte competencia nos mercados de produtos doutros países. Tamén aparecen os primeiros abandonos ante as dificultades de dispoñer de materias primas fitosanitarias, como na loita contra o pulgón, e xa abandonan produtores e produtoras de cebola e/ou leituga.
As emisións de CO2 vinculadas exclusivamente á agricultura estabilizáronse polo crecemento das cabanas gandeiras, se ben por litro de leite ou quilo de carne estímase unha redución do 10 % na última década pola mellora xenética e a eficiencia produtiva. Hai menos emisións vinculadas á utilización de fertilizantes e unha menor utilización destes grazas a un uso máis eficiente. Das últimas informacións oficiais das que dispoñemos sobre a declaración de Zonas Vulnerables a Nitratos en Galicia, conclúese que o problema para as augas galegas son as augas residuais procedentes das vivendas, xunto a problemas comarcais concretos no ámbito agrícola. Algúns estudos sitúan os solos de Galicia como o almacén de tres a cinco veces máis CO2 que a media de solos do resto do Estado. Conservar e incrementar os pasteiros é o principal reto a lograr.
Socialmente imos cara a un envellecemento extremo da poboación agraria e á súa masculinización. Todos os días desaparecen explotacións agrícolas (6 % anual en vacún de leite) e seguen aumentando o tamaño as explotacións que quedan, pero segue quedando moitísima terra agrícola abandonada e unha reducidísima mobilidade desta, nunha estrutura da terra de difícil aproveitamento agrícola eficiente.
Os profesionais da agricultura e gandería en Galicia foron capaces de conciliar maiores esixencias medioambientais e manter ou incrementar as producións e, ademais, achegar aos mercados alimentos galegos de alta calidade moi recoñecidos polas persoas consumidoras. O custo social pagado polo sector é brutal e o recoñecemento deste esforzo pola administración e a sociedade é insuficiente para asegurar a produción de alimentos no futuro. Os apoios das cooperativas á produción son agora claves para non lamentar despois ante a indiferenza da sociedade e das persoas consumidoras.




