As asociacións Slow Food Compostela, a Asociación Galega de Operadoras Artesanais de Alimentación e Pensos (AGOAAP), Asociación de Produtoras e Produtores de Ecolóxico de Galiza (PROECOGAL) e AGACA solicitaron esta mañá en Santiago de Compostela unha aplicación gradual da factura electrónica e do Regulamento Europeo de Envases, entre outras medidas. Advertiron que a entrada en vigor destas e outras normativas aprobadas nos últimos meses e nas últimas semanas poden supoñer “un golpe definitivo” para o pequeno tecido produtor, artesanal e cooperativo galego.
O director-xerente de AGACA, Higinio Mougán, afirmou que non se está a rexeitar avanzar cara a dixitalización nin cara a mellora ambiental, pero “esiximos que se faga con sentido común e co apoio necesario”. Insistiu en que non se pode pedir o mesmo a unha pequena explotación ou a unha cooperativa rural e incidiu na “empanada normativa constante” que sofren os operadores do sector primario.
A obriga de emitir e conservar facturas electrónicas mediante software homologado, unida ás sancións previstas pola normativa e ás novas esixencias en materia de envases “afonda nun modelo burocrático inasumible para as pequenas empresas e produtores que carecen de persoal técnico, recursos ou mesmo conexión a internet estable’.
Mougán advertiu, ademais, que o marco legal cambia constantemente e de maneira confusa. “Temos normativas que entran e logo se aprazan, outras que se modifican antes de aplicarse, o sector vive nun limbo de incerteza permanente”, explicou. Puxo como exemplo a normativa de deforestación, a nova PAC ou as dúbidas sobre a entrada en vigor do caderno dixital para as explotacións agrarias, que parecía seguro para xaneiro de 2026 e que se atopa sen unha resposta clara por parte das administración públicas.
Perigo de peches pola burocracia
Pola súa banda, Leonor Lorenzo, presidenta de Slow Food Compostela, subliñou que moitas pequenas produtoras e produtores “están xa ao límite pola carga administrativa e polas obrigas ambientais e fiscais acumuladas”. Recordou que as formacións organizadas polas entidades sobre factura electrónica e residuos de envases amosaron “un malestar entre as persoas asociadas que se senten desbordadas por obrigas que nin sequera os formadores saben explicar con claridade”. Sinala que hai produtores e produtoras que se ven abocados a pechar ou reducir a súa actividade porque “non lles chegan as horas do día entre producir, transformar, vender e cumprir coa burocracia.”
No mesmo senso se pronunciou José Carlos Brea, presidente de AGROAAP, que insistiu na frustración que se está a xerar e, con iso, o abandono do rural. Lembrou que a maioría de produtoras e produtores artesáns traballan en aldeas e manteñen vivo o territorio, “limpando fincas e xerando economía local”. Denunciou que, aínda con todo, a lexislación non está deseñada para as pequenas empresas e que ignora completamente a realidade do rural galego.
“Non temos capacidade para contratar persoal administrativo nin para asumir os custos que supón toda esta nova burocracia. As autoridades deberían escoitar máis aos pequenos produtores e facer normas diferenciadas segundo o tamaño e as posibilidades de cada quen”, reclamou. E apuntou, ademais, as dificultades tecnolóxicas para cumprir coas medidas esixidas, xa que en moitas zonas non existe conexión suficiente. “Non ten sentido obrigar a facer algo que tecnicamente é imposible. Antes de esixir, deberían garantir servicios básicos como a conectividade dixital”, asegurou.
Reclamacións e propostas
As catro organizacións anunciaron que xa trasladaron estas preocupacións á Xunta de Galicia, Delegación do Goberno e Ministerios de Facenda e Transición Ecolóxica solicitando un diálogo institucional e medidas de adaptación realistas.
Entre as propostas destacaron a aplicación gradual e adaptada das normativas; que se lles teña en conta e se lles escoite antes de sacar as normativas; a exención ou redución de taxas para operadores de baixa facturación e produción local; axudas económicas e apoio técnico para facilitar a adaptación; e claridade normativa.
Tamén fixeron unha chamada a outras entidades que poden ter esta problemática para que se sumen e defendan aos pequenos produtores e produtoras que representan un modelo esencial para o futuro do rural galego.




