A contaminación por nitratos é unha das preocupacións da Unión Europea; xa en 1991 emitiu normativa dirixida á súa redución, que establece diferentes medidas a adoptar polos estados membro e se foi completando co paso dos anos con diferentes regulamentos nacionais. Durante 2025 cúmprense prazos para designar novas zonas vulnerables a contaminación, de ser preciso.
A mediados de febreiro a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, comentoulle á presidenta de AGACA, Carmen Rodríguez, que probablemente en maio do presente ano declare unha serie de concellos de Ourense, A Coruña e Pontevedra como zonas vulnerables a contaminación por nitratos, por presenza de contaminación difusa en puntos de control de análise de calidade das augas.
Dende ese intre, entendemos que resulta necesario informar e orientar ás persoas afectadas, xa que, probablemente, esta Declaración de zona vulnerable a contaminación por nitratos vai levar asociadas restricións para as actividades agraria e gandeira dos concellos afectados (sobre todo, limitacións á fertilización), xunto con obrigas ou condicións coma contar con apoio de asesores externos, documentación da fertilización, mellorar as instalacións das granxas para unha mellor xestión dos xurros ou dispoñer de maquinaria adaptada para reducir as emisións. Algunhas das comarcas afectadas teñen unha moi reducida carga gandeira, polo que sería axeitado avaliar se as causas desa contaminación teñen unha orixe gandeira ou allea.
Os nitratos son sales do ácido nítrico (NO3) e, por tanto, conteñen nitróxeno (N). Ademais de estar presentes naturalmente, adoitan incorporarse a fertilizantes, pois son un nutriente fundamental en moitos cultivos.
As zonas vulnerables a nitratos son aquelas superficies de terreo cuxa escorredura ou filtración poida influír no estado das augas declaradas como afectadas pola contaminación de nitratos utilizados na agricultura. Defínense conforme á Directiva 91/676/CEE, relativa á protección das augas contra a contaminación por nitratos utilizados na agricultura.
En España, actualmente, a posta en práctica da directiva regúlase polo Real Decreto 47/2022, do 18 de xaneiro, sobre protección das augas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias, que afirma: «A contaminación de orixe difusa das masas de auga superficial e subterránea é un problema moi estendido na maior parte das concas españolas. En particular, este feito ponse de manifesto polas elevadas concentracións de nitratos que se rexistran en determinadas masas de auga, consecuencia dos excedentes de produtos inorgánicos ou orgánicos usados como fertilizantes. Este feito é especialmente preocupante cando alcanza a augas que se destinan ou vaian destinarse ao abastecemento da poboación».
Este RD indica un prazo máximo de tres anos para designar novas zonas vulnerables a nitratos (determinadas segundo resultados de medicións periódicas en diversos puntos), o cal se cumpre este ano, e, por tanto, potencialmente podería afectar a Galicia onde, ata agora, non existen zonas con esta designación.
Galicia
En novembro de 2024 o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publicaba o Informe máis recente de seguimento da directiva 91/676/CEE: Contaminación da auga por nitratos nusados na agricultura Cuatrienio 2020 – 2023. As medicións realizadas para o Informe determinan que en Galicia non cabería formular a designación de zonas vulnerables a nitratos por presións agropecuarias.
En marzo de 2024 o Tribunal de Xustiza da Unión Europea sentenciou que España incumpría obrigas establecidas pola Directiva do Consello.
Unha das causas era a non designación de zonas vulnerables en varias Comunidades Autónomas, entre elas Galicia, se ben finalmente admitiu que non era preciso nesta CC.AA.
Con todo, o 24 de febreiro de 2025 comezaron as reunións previas á declaración de zonas vulnerables a nitratos, cuxa identificación corresponde á Xunta de acordo coa normativa europea e nacional.
Recomendacións
En resposta á normativa, cada Comunidade Autónoma elaborou un Código de Boas Prácticas Agrarias, de obrigado cumprimento en zonas vulnerables; tamén xurdiron numerosos proxectos, coma Agrogestor, con financiamento do instrumento financeiro da Comisión Europea Life, que propoñen algunhas recomendacións:
Aplicar fertilizantes nitroxenados segundo o tipo de solo e cultivo e nas cantidades precisas sobe a eficiencia e diminúe o risco de contaminación. Contar con bases de datos normalizadas sobre as necesidades dos cultivos e con ferramentas para determinar o potencial produtivo do sistema parcela-cultivo podería contribuír a iso. Ademais, contar con esta información estandarizada, xeolocalizada e serializada no tempo facilitaría o seguimento da produtividade.
A fertilización eficiente e sostible evita perdas de N. Lógrase con prácticas coma: fraccionar a dose total segundo a curva de demanda de nitróxeno do cultivo, promover fertilizantes máis eficientes e adobos con inhibidores ou recubrimentos que regulan a liberación de N e adecuar a dose á auga de rega ou adoptar fertirrigación.
Analizar o solo periodicamente para estimar a súa contribución en nitróxeno mineral, fósforo e potasio pode axudar a axustar a dose de nitróxeno. A análise efectuaríase en parcelas representativas segundo o cultivo de campaña e o precedente, a xestión de residuos do cultivo anterior e a achega de fertilizantes orgánicos en campañas anteriores.
En canto á auga e á rega, a lixiviación do N no solo en campaña poder ser unha causa de grandes perdas dos nitratos do fertilizante, polo que cómpre considerar a auga drenada no solo e a cantidade de N lixiviado. Seleccionar un sistema eficiente que garanta uniformidade no rego diminúe riscos e pode producir aforro de auga e enerxía, aumentando rendibilidade; para iso, ferramentas de control de caudal e presión e detección do estrés hídrico poden axudar.
O volume de almacenaxe de dexeccións debería poder conter, como mínimo: os efluentes do gando producidos durante o período onde a súa aplicación é desaconsellable, as augas da chuvia e augas sucias ocasionais, con marxe de seguridade para evitar desbordamento. Para limitar o volume de augas sucias (de lavar, sobra de bebedoiros, dexeccións diluídas), estas deben dirixirse preferentemente a instalacións de tratamento axeitadas, a depósito propio ou ao depósito das dexeccións.
A agricultura de conservación pode contribuír a mellorar o solo. Algunhas prácticas son: planificar rotacións de polo menos tres anos cunha alternativa mellorante; axustar os ciclos de cultivo á dispoñibilidade da auga e requirimentos de fertilidade; coñecer o contido en nutrientes das materias orgánicas que se achegan ao solo para calcular a dose de N máis axeitada e promover bandas de protección en cursos fluviais. Favorece tamén promover o incremento da materia orgánica no solo agrícola con fertilizantes orgánicos, coa cobertura do solo (con cultivos captadores de N en lugar de barbeito), coa práctica do non laboreo e da sementeira directa e coa incorporación de restos vexetais ao solo (como palla picada ou restrollo).
A dixitalización e, en xeral, a adopción de ferramentas, sensores, robots e medios tecnolóxicos de monitorización, control e aplicación pode contribuír a mellorar as prácticas na produción agrícola e gandeira para mitigar a contaminación e preservar a natureza de xeito sostible económica e medioambientalmente.
Ademais, son necesarios plans de formación para profesionais da agricultura e a gandería, ademais de programas que apoien e faciliten un ecosistema de asesoramento e cooperación multiactor, que inclúan entidades produtoras, investigadoras, políticas e industriais.





