RESUMO EN ELABORADO POR AGACA
Pode consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación” (formato PDF) e consultar a Orde completa na ligazón “web”.
— ORDE do 3 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2024. Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. DOG Nº 245 (20/12/2024).
OBXECTO E PRINCIPIOS
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras afectadas polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensar os danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MT809B).
PERSOAS BENEFICIARIAS
1. Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando que se especifica no anexo I e que fose afectado por ataques de lobos dentro da Comunidade Autónoma.
REQUISITOS
1. O gando danado polo que se solicita a axuda deberá cumprir cos seguintes requisitos:
a) Pertencer a unha persoa física ou xurídica titular dunha explotación gandeira inscrita na sección correspondente segundo o tipo de gando no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia.
b) O gando bovino, ovino e cabrún deberá cumprir cos requisitos sanitarios establecidos nos programas de control, vixilancia e erradicación de enfermidades que poden afectar as especies gandeiras de acordo coa normativa aplicable para o efecto.
No caso do gando porcino, deberá pertencer á raza Celta e cumprir cos requisitos sanitarios establecidos no Real decreto 599/2011, do 29 de abril, polo que se establecen as bases do Plan de vixilancia sanitaria do gando porcino e no Real decreto 360/2009, do 23 de marzo, polo que se establecen as bases do programa coordinado de loita, control e erradicación da enfermidade de Aujeszky.
c) Estar identificado de acordo coa normativa aplicable para o efecto e, no caso de gando porcino de raza Celta, deberán estar identificados individualmente e estar inscritos no Libro xenealóxico da raza.
ÁMBITO TEMPORAL
Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo lobo que se comuniquen desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025.
COMUNICACIÓN DO DANO
1. Nas vinte e catro horas seguintes ao ataque no caso de gando en réxime intensivo e de tres (3) días no caso de gando en réxime semiextensivo ou extensivo, as persoas propietarias das reses deberán poñelo en coñecemento da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012, na cal se lles facilitará un código que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.
O horario hábil de atención telefónica é desde as 8.00 ata as 20.00 horas, de luns a venres, e desde as 8.00 ata as 17.30 horas, os sábados.
Para os danos constatados entre as 17.30 horas dos sábados e as 8.00 horas dos luns, a comunicación da constatación do ataque realizarase nas vinte e catro horas seguintes contados desde as 20.00 horas do domingo.
IMPORTE DAS AXUDAS
1. O importe das axudas por morte do gando figura no anexo I desta orde para cuxo cálculo se tivo en conta tanto o dano emerxente como o lucro cesante.
Este importe incrementarase nun 10 % no caso daquelas explotacións en que comprobase a aplicación de medidas preventivas fronte aos ataques do lobo (cans para a protección e defensa do gando, cerrumes de malla electrificada, valados fixos electrificados e valados fixos con malla gandeira ou cinexética), e que fosen avaliadas como axeitadas pola Comisión de Valoración correspondente, de acordo co criterio que fixe ao respecto a Dirección Xeral de Patrimonio Natural para o período de vixencia desta orde.
PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
Os prazos de presentación da solicitude de axuda serán os seguintes:
a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2024 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será ata o 20 de xaneiro 2025.
b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano.



