No pasado máis recente, producíronse numerosos acontecementos que afectaron ao sector de vacún de carne. Por unha banda, a crise da COVID-19 e a posterior de Ucraína retraeron o consumo e afectaron moito a demanda global deste importante alimento en favor das carnes máis baratas (porco e polo). Isto obrigou a reclamar importantes axudas ás administracións. Ademais, desenvolveuse un significativo debate no sector para modificar as normas de funcionamento interno da IXP Ternera Gallega introducindo cambios relacionados coa alimentación dos animais acollidos.
Crise, cambio de normas da IXP, contracción do mercado, axudas… Estamos no momento oportuno para escoitar a opinión dos gandeiros e directivos das cooperativas gandeiras sobre a situación do sector:
Eladio Sánchez López, membro do Consello Reitor de Aira e copropietario da explotación Estacas, en As Nogais (Lugo); Iago Ulla, encargado da loxística e comercialización, e Olaia Rocha, xerente e administrativa en Artesáns Gandeiros; Pablo Mosquera, presidente da cooperativa Rubigal; Antonio del Pueblo, presidente da cooperativa A Carqueixa, e Juan Pérez, de Agromer, explotación socia da cooperativa Lemos e que comercializa a través de Artesáns Gandeiros.
Cooperación Galega (C.G.): Como valoran o funcionamento das cooperativas no sector de vacún de carne? Os socios comprométense con proxectos de comercialización en común?
Eladio Sánchez considera que «as cooperativas son unha ferramenta fundamental para a comercialización da carne», aínda que deben ir acompasadas na súa actualización segundo evolucionan os hábitos de consumo.
Eladio lamenta que a pesar de que «os socios son os donos das cooperativas e deben ter un compromiso do 100 %», na realidade non se dá este compromiso, algo esencial para que os proxectos vaian adiante e as cooperativas poidan mellorar no seu «traballo, esforzo, información e proximidade» coa base social.
O mesmo cualificativo, «fundamental», empregan Olaia Rocha e Iago Ulla á hora de valorar o papel das cooperativas, en concreto, na fase de comercialización dos produtos dos socios e socias: «Non se entende o mundo rural sen a contribución, tanto económica como de capital humano ligadas ao territorio e á contorna», aseguran.
Artesáns Gandeiros encárgase da comercialización das explotacións da base social como un servizo máis ás cooperativas; neste punto, recoñecen que, ao empregar este servizo, as socias e socios «están comprometidos e comercializan habitualmente, xa sexa Ternera Gallega Suprema, Ternera Gallega, animais sen marcar, vacas de desvelle ou cebadas e touros».
Dende Artesáns insisten na importancia de comercializar en conxunto pola vantaxe que supón negociar os prezos partindo de volumes importantes.
Pablo Mosquera reflexiona sobre a necesidade do compromiso por parte das persoas socias: «A maioría dos gandeiros fanse socios nas cooperativas en momentos de dificultade para comercializar as canais; a cooperativa ten que ser capaz de facerlles ver aos seus socios que o prezo de comercialización ao longo do ano é mellor que por fóra da cooperativa, inda que no momento de maior demanda non se teña o prezo máis alto do mercado. Esta circunstancia, por desgraza, non sempre se consegue».
O presidente de Rubigal insta ás cooperativas a implicarse co socio: « Para que o socio se comprometa coa cooperativa, é necesario que se sinta importante dentro dela, que vexa transparencia e regularidade no dia a día e que no transcurso do ano se lle comercialicen a totalidade dos xatos sen trabas».
Por outra banda, basea o éxito das cooperativas nunha negociación favorable, «mantendo custos de loxística fixos de transporte o máis baixos posible».
Antonio del Pueblo reflexiona dende a súa experiencia vinculada á cooperativa A Carqueixa, da que é presidente, en positivo: «Dende que comezamos coa web vendendo só lotes de todo un pouco para garantir a saída das canais (filetes, hamburguesas, carne para asar, costeletas…) ata hoxe, que temos comida elaborada e dúas carnicerías na praza de abastos de Lugo e somos provedores de Inditex, sempre conseguimos estar por riba de mercado e, o máis importante, damos a confianza de que as canais pesan o que teñen que pesar. Isto só foi posible grazas a que fixemos un gran traballo para crear a nosa marca e á implicación dos socios neste proxecto».
Juan Pérez destaca a importancia das cooperativas de comercialización de gando para garantir a venda e manter os prezos, especialmente para explotacións pequenas e dispersas. Afirma que un maior compromiso dos gandeiros coas cooperativas aumentaría o seu poder de negociación.
Así, lembra: «En 2008, as cooperativas, a través de Artesáns Gandeiros, crearon unha sala de despezamento en colaboración cun matadoiro para pechar o ciclo de comercialización de Ternera Gallega Suprema (TGS) producida polos seus socios. Inicialmente, o proxecto tivo éxito, chegando a comercializar 14 000 animais en 2014, e converténdose no principal operador de Ternera Gallega, marcando os prezos no campo.
No entanto, a partir de 2016, operadores competidores iniciaron unha estratexia para recuperar mercado, baixando os prezos da carne de TGS aos clientes e ofrecendo ás distribuidoras prazos de cobro máis longos (ata 120 días), que as cooperativas non podían asumir. Esta manobra provocou unha perda significativa de mercado para as cooperativas nas grandes distribuidoras.
Debido á perda de volume de comercialización e aos altos investimentos realizados na sala de despezamento, as cooperativas enfrontáronse a problemas de liquidez, levando ao peche definitivo da sala a finais de 2017. As cooperativas perderon forza ante os matadoiros, quedando limitadas á xestión e recollida do gando sen poder influír significativamente nos prezos, cun volume de manexo inferior ao de 2014».
C.G.: A IXP Ternera Gallega experimentou certos cambios que introducen elementos máis restritivos á hora de acadar a certificación das canais. Como repercutirá isto nos mercados?
«Para producir unha carne de altísima calidade, Ternera Gallega Suprema, os cambios, aínda que non nos gusten, son necesarios. Todo o que sexa benestar animal e unha boa alimentación é importante para a calidade das carnes», afirma Eladio Sánchez.
Similar opinión profesan os representantes de Artesáns Gandeiros: «En determinadas ocasións (adaptación a novos requisitos legais, busca de maior diferenciación por saturación do mercado, tendencias do consumidor etc.), os pregos de condicións adoptan novos requisitos máis estritos que, nun primeiro momento, poden supoñer dificultades (por conxunturas especiais, necesidade de investimentos etc.).
Hai que tratar de velo como unha nova oportunidade de negocio, xa que xeralmente seguen as tendencias actuais e será o que defina o futuro da IXP. O aconsellable é buscar asesoramento e adoptar programas que permitan a adaptación paulatina de requisitos».
Pablo Mosquera considera que os cambios apenas van ter incidencia nos mercados e «cando se dan, é porque realmente son necesarios».
En relación coa IXP, o presidente de A Carqueixa di sentirse escéptico: «Estou canso de falar con consumidores e ningún sabe a diferenza entre Suprema (gandería tradicional como a nosa) e Ternera Gallega (cebadoiros). Se cadra o problema está na orixe e os cebadoiros non deberían estar na IXP».
Juan Pérez expresa certo desacordo coas novas condicións de produción e comercialización da IXP Ternera Gallega, que obrigan ao estabulado dos animais para a calidade Suprema. Argumenta que é posible obter carne de alta calidade con pastoreo extensivo e achega de concentrados, reducindo custos.
Tamén cuestiona decisións previas da IXP que rebaixaron os límites de engraxamento, resultando en clasificacións inadecuadas. Sinala que cada explotación debe adaptarse ao seu entorno e que a calidade debería avaliarse no matadoiro, non polo método de acabado: «Na miña opinión, a diferenza entre que un animal sexa clasificado como Suprema ou non debe ser no matadoiro, unha vez sacrificado e vendo directamente a canal (color, engraxamento, dureza…); non se pode discriminar o gando en función soamente de que o tipo de acabado sexa ao aire libre ou estabulado, xa que se poden conseguir canais de calidade sen ser estabuladas».
C.G.: Como se ve a evolución dos mercados dende as crises do coronavirus e Ucraína?
Para Eladio Sánchez, a complexidade das circunstancias xeopolíticas e sanitarias provocou unhas subidas de custos produtivos imposibles de afrontar sen axudas públicas. Por outra banda, a liña estable e lixeiramente ascendente destes últimos meses está comezando a baixar provocada por un maior consumo de carnes máis baratas e o incremento dos custos da vida, sinala.
En Artesáns consideran que, a pesar de producirse «certa inquedanza porque os mercados non fosen capaces de asumir a alza de prezos de venda tras os efectos da pandemia», a evolución foi positiva. Porén, a tendencia á alza nos prezos das materias primas de alimentación animal implicou outra suba de custos de produción que deriva nunha necesaria reformulación da xestión das ganderías.
«Estamos vivindo momentos de incerteza, polo que debemos acostumarnos á xestión e ao establecemento de plans de continxencia ante imprevistos», advirten.
Pablo Mosquera aprecia unha baixada na demanda da carne de vacún xunto cunha oferta tamén en descenso, provocada polo drástico descenso do número de explotacións, sustentado por tres claves: unha suba de prezos de venda insuficiente, unha suba «desorbitada» dos prezos dos concentrados, por mor da guerra de Ucraína, e unha man de obra «escasa e pouco profesional».
A visión do presidente de A Carqueixa apóiase na traxectoria da cooperativa e é algo máis positiva: «Nós hoxe estamos nunha media sobre os seis euros ao ano, comercializamos o 75 % de forma directa e estamos conseguindo repercutila aos socios e socias. Temos que afondar e ir acadando máis prezo pouco a pouco e máis estable. Gustaríame chegar ao día de ter un contrato anual e por riba dos seis euros. Niso traballamos».
Para o propietario de Agromer: «A situación comezou a mellorar a finais do ano 2022 e sobre todo no 2023, cunha subida importante do prezo da carne, pero, a finais de 2023, os prezos comezaron a baixar, o que segue sucedendo actualmente, acompañado dunha redución no consumo posiblemente debida ao alto prezo da carne no supermercado.
É importante destacar que esta baixada de prezos coincidiu co anuncio dunha axuda de 200 € por becerro de Suprema por parte da Consellería do Medio Rural, que aínda non foi pagada. Os grandes operadores aproveitaron esta oportunidade para rebaixar o prezo da carne aos gandeiros, pero non aos consumidores, que seguen pagando prezos altos.
Na actualidade, os prezos están bastante por debaixo dos acadados a mediados de 2023, mentres que os custos de produción, aínda que algo rebaixados, seguen sendo altos, non compensando a caída do prezo da carne».
C.G.: Cales son as claves para asegurar o futuro das ganderías de vacún e das cooperativas?
«O momento é moi delicado e, como non se meta man, non vai quedar nada». Así de contundente se amosa Eladio Sánchez, quen suxire: «[Pódese] comezar por fixar poboación no rural, con axudas, cubrindo custos de produción. As ganderías teñen que ser empresas onde se gañe diñeiro porque facemos un gran labor axardinando o territorio para que non haxa incendios e, a parte de producir alimentos de altísima calidade, mantemos o territorio vivo, limpo e activo.
As cooperativas deben seguir traballando, proporcionando alimentos de calidade para o gando, comercializando os nosos produtos, ofrecéndonos asesoramento, e continuar preto dos socios dando todos os servizos».
A clave para Artesáns está na necesidade de «profesionalización do sector, de incorporación das ganderías en ADS, de controis reprodutivos que superen a estacionalidade, neste caso de Ternera Gallega Suprema, e de fomentar o asociacionismo vencellado a organizacións cooperativas e centrais de compra para mellorar a capacidade de compra e negociación nas vendas».
Para loitar contra o despoboamento do medio rural e favorecer a remuda xeracional suxiren mellorar os sistemas tecnolóxicos para facilitar o manexo e adoptar sistemas de certificación que acrediten o bo facer das ganderías en canto a benestar animal e coidado do medio ambiente.
O futuro do sector «é escuro, por non dicir negro», asegura Pablo Mosquera constatando que as explotacións tradicionais non adoitan ter remuda xeracional e as granxas de maior dimensión atopan múltiples obstáculos: «Estanse a atopar con moitas trabas á hora de ser competitivos (trámites administrativos, lobo, pragas…). Todas estas trabas redundan en aumentar os efectivos en man de obra; porén, a man de obra das explotacións a día de hoxe está cansa, maior, e desmoralizada, co que os gandeiros están nunha situación contemplativa, sen facer grandes investimentos, porque, ao ver que as esixencias seguen indo a máis, pechan».
O presidente de Rubigal só concibe unha circunstancia para que as explotacións de carne teñan continuidade: «Que a cría de animais para carne sexa un negocio rendible, que un fillo ou filla vexa máis futuro en seguir coa empresa dos seus pais, ou da súa familia, que en traballar noutro lado […] A día de hoxe, a xente que nos dedicamos á carne, facémolo por vocación aos animais, polo apego á terra e ao traballo dos nosos antepasados, pero non polo rendemento do negocio. Se esta situación non se reverte, as novas xeracións terán mellores oportunidades de traballo noutros sectores».
Todo é unha cadea, polo que, conclúe, pesimista: «Loxicamente, sen explotacións de vacún de carne, as cooperativas que se dediquen á comercialización dos xatos tamén están abocadas ao peche».
Segundo Antonio del Pueblo, a clave pasa por «máis cooperativismo e máis orgullo de ser gandeiros», aínda que recoñece que a situación non é doada: «Imos cara a menos granxas e máis concentradas. Nós estamos deseñando un plan da man da Fundación Daniel y Nina Carasso para implementar medidas que garantan a remuda xeracional».
Creada en 2010 e afiliada á Fondation de France, esta Fundación enfócase na Alimentación Sostible e Arte Cidadá. En Francia e España, apoia proxectos proporcionando subvencións, investimentos de impacto social e recursos humanos, ademais de deseñar e desenvolver programas e eventos. Promove a innovación social e a cooperación.
É moi difícil dar unha resposta a esta cuestión, indica Juan Pérez: «O fundamental para que haxa futuro nas ganderías é que sexan rendibles. A forma de logralo é complexa, pero o que está claro, por unha parte, é que o prezo que reciben os gandeiros por producir alimentos de calidade ten que ser suficiente para poder vivir da actividade e que sexa atractiva para novos gandeiros.
Por outro lado, tan importante sería que as explotacións poidan dispoñer de suficiente base territorial para o seu gando, como que as administracións promovan o acceso dos gandeiros á terra».




