Os agricultores e gandeiros da Unión Europea (UE) lograron algunhas promesas e propostas de mellora nas políticas agrarias, mentres seguen aspirando a concesións básicas, sensatas e necesarias para encamiñar o sector primario cara a sostibilidade económica, social e ambiental. Os danos causados por unha elite social que ignora e infantiliza ao agro impoñendo políticas absurdas e afastadas da realidade non se corrixen en días, e os efectos das lamentables decisións seguiremos véndoas nos vindeiros meses ata que se modifiquen as normas.
Despois de varias semanas de protestas, a UE promete medidas e cesións que están sen aprobar «oficialmente», son promesas. Hai un compromiso institucional de revisar e mellorar a chamada Condicionalidade Reforzada que impulsa a Política Agraria Común (PAC). Preocúpanos especialmente a difícil aplicación en Galicia dos ecorréximes da PAC. Agardamos algunha pequena mellora, que axude a elevar o índice extremadamente baixo de solicitudes da axuda vinculada cos ecorréximes en Galicia da campaña 2023.
A UE monta un «Gran Hermano» co
sector primario para gozo da elite social
que infantiliza a actividade agraria e
gandeira.
No entanto, non queda claro que se vaia abordar o arranxo das normas de maior crispación no sector, e son as que complementan a PAC e o Pacto Verde Europeo, comezando polo Caderno Dixital, no que a UE non ten previsto ter en conta a fenda dixital dos agricultores e gandeiros de maior idade, que os pode expulsar do sector produtivo. A UE monta un «Gran Hermano» co sector primario para gozo da elite social que infantiliza a actividade agraria e gandeira.
Outras normas, como a de ordenación de explotacións de bovino, expulsan a centos de pequenos produtores lácteos do sector por non ter acceso ao benestar animal. Pequenas explotacións gandeiras, moitas delas en produción de leite en pastoreo, teñen agora unha lousa política con durísima repercusión económica e comercial, xa que as cortes trabadas non cumpren co benestar animal, segundo indican. Obrigar a facer obras en instalacións gandeiras vai contra calquera principio básico para reducir a pegada de carbono, e facer obras en cortes de gando que foron subvencionadas no seu momento vai contra o sentido común.
A prohibición dos patios de descanso, os solos en parrillas nos pequenos cebadeiros forman parte da desfeita. As obrigas vinculadas coa normativa de nutrición de solos, ou co veterinario de explotación, conteñen aspectos complexos.
Hai promesas de control das importacións e de defender a súa reciprocidade no uso de fitosanitarios e zoosanitarios na produción de alimentos. Porén, nunca se igualarán os requisitos impostos aos agricultores e gandeiros da UE. Queda moito camiño para acadar o sentido común na aplicación da sostibilidade ambiental sen cargarse a económica e social.
Dende as cooperativas estaremos sempre ao lado dos socios apoiando aos agricultores e gandeiros. Tamén as administracións que están máis preto dos agricultores e gandeiros deben facilitar e acompañar a actividade agrícola e gandeira: concellos, deputacións consellerías. Menos burocracia, simplificación de trámites, prezos xustos aos alimentos, menos presión da fauna salvaxe, máis cooperación e máis adaptación á realidade económica e social son posibles se todos colaboramos.




