O equipo investigador capitaneado pola profesora titular de economía financeira e contabilidade da Universidade de Vigo, María José Cabaleiro, presentou oficialmente SAVES AGRO e SAVES EMPRENDE, ferramentas online englobadas no asistente virtual SAVES, gratuíto e aberto a toda a cidadanía, que permite consultar e comparar datos económicos, financeiros e sociais de todas as cooperativas agrarias galegas con informes e estatísticas. Unha plataforma tan novidosa que non se ten constancia de que exista outra similar e está a xerar interese entre o sector no ámbito estatal e internacional.
Este proxecto enmárcase na colaboración entre a Universidade de Vigo e AGACA, financiado pola convocatoria 2022-2023 da Rede Eusumo.
O 24 de outubro, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo (no centro da imaxe), estivo na inauguración da Xornada de presentación xunto a Higinio Mougán, director -xerente de AGACA, e Mª José Cabaleiro, profesora da Universidade de Vigo.
A través da información compilada neste asistente virtual (https://saves.uvigo.gal/) é posible para un socio ou socia coñecer a situación do cooperativismo e a economía social nun período de tempo concreto ou nun determinado sector coa posibilidade de comparar a información real da súa propia cooperativa cos valores medios dun grupo de entidades similares á súa ou pescudar o valor de diferentes indicadores en sectores ou subsectores específicos.
A plataforma permite acceder a estatísticas do movemento cooperativo galego elaboradas polo equipo de investigación de SAVES. Estas estatísticas actualízanse puntualmente. A data de actualización especifícase en cada estatística e existen filtros para atopar as desexadas seleccionando tres modalidades de parámetros: categoría, ano ou período e tipo de estatística.
De xeito predefinido, na sección de Estatísticas figuran máis de 30 táboas con datos sobre elementos como o número de cooperativas rexistradas (por provincia, concello, tamaño, sector etc.), representación feminina (evolución temporal, por sector, tamaño de empresa, provincia etc.), ingresos medios, distribución do emprego, datos básicos das cooperativas, evolución dos fondos propios e dos investimentos ou comparativas das estruturas financeiras ou das contribucións segundo a base social das diferentes entidades cooperativas, por exemplo.
É posible, tamén, obter Informes con datos relativos ao cooperativismo galego elaborados polo equipo de investigación de SAVES, ademais doutras seccións de interese.
SAVES comprende, ademais, tres ferramentas máis específicas con funcionalidades orientadas ás necesidades informativas das persoas usuarias: SAVES Agro, SAVES Emprende e SAVES Coop.
SAVES Agro amosa a realidade en cifras do cooperativismo agrario, con ferramentas online de axuda á xestión.
SAVES Emprende —pensada principalmente para persoas emprendedoras— permite comparar unha serie de indicadores do plan de negocio ou datos reais dunha cooperativa ou grupo de cooperativas para a elaboración dun DAFO.
SAVES Coop permite facer comparacións detalladas entre cooperativas en activo e grupos de cooperativas reais de características similares. É posible acceder a información de cooperativas agrarias segundo se trate dunha entidade de primeiro ou segundo grao e por ano, dende 2009 ata 2020, por exemplo.
A diferenza das dúas anteriores, SAVES Coop require que a cooperativa se atope previamente rexistrada na plataforma. A Universidade de Vigo concederá as credenciais que permitirán á cooperativa en cuestión acceder á súa propia información privada e elaborar comparativas con datos medios do sector de actividade.
Leer revista completa: