Encamiñámonos a unha nova tarefa na gandería: a medición e redución da pegada de carbono. Dende a UE facilitan a implantación de sistemas para adaptármonos ao cambio climático e ás correspondentes medidas de mitigación. Nos últimos anos producíronse novos retos na gandería: guías de boas prácticas hixiénicas, redución de antibióticos, certificación do benestar animal… A redución das emisións de carbono abarca todas
as boas prácticas da produción para lograr a máxima eficiencia. Pode xerar incertezas pola súa complexidade e a sobrecarga de normas de obrigado cumprimento establecidas polas administracións como a próxima implantación obrigatoria das Mellores Técnicas Dispoñibles (MTDs), ou os eco-réximes da nova PAC, entre outras.
Xa manifestamos que o exceso de normas públicas e privadas xera desconcerto, desconfianza e desánimo nos gandeiros e gandeiras que desexan facer ben o seu traballo. Menos mal que nas cooperativas contan con persoal técnico para darlles asistencia e apoio. Tal como sucede en cooperativas da UE, pronto veremos incentivos individuais para reducir a pegada de carbono. É importante que as compensacións e incentivos premien aos profesionais da gandería con menores emisións e impacto ambiental. É probable que os produtos gandeiros con pegada de carbono elevada tendan a perder valor e que as ganderías con baixas emisións obteñan un incentivo, que debería pagar os investimentos realizados para acadar eses niveis de eficiencia ambiental, que ademais son moi parellos á eficiencia económica, como temos comprobado.
O reto da gandería será implantar plans de mellora na redución da pegada de carbono que sexan coherentes, medibles e non cuestionados pola ciencia e a sociedade, que sexan paulatinamente aplicables a medio e longo prazo e que conten cos correspondentes incentivos económicos do mercado, do consumidor final e das administracións.
E o carbono que se captura nas actividades agrícolas e forestais dos gandeiros e gandeiras tamén debe ser medible e compensado. Non estamos a falar dos servizos sistémicos que realiza a gandería, especialmente a extensiva, senón dos aumentos da cantidade de biomasa retida facendo melloras na xestións das sebes e das masas forestais e ribeiras privadas, que podemos facer mellor se son debidamente compensadas.
É fundamental que as cooperativas gandeiras, como entes de especial confianza dos gandeiros e gandeiras socias, fagan un esforzo para valorar e seleccionar as mellores ferramentas a introducir entre a súa base social cara á redución da pegada de carbono: aplicadores de xurro, complementos alimenticios, investimentos en enerxías renovables, maquinaria máis eficiente de uso común, fertilización equilibrada…. que deberán ser realmente efectivas e verificables. Quen protexerá aos profesionais da gandería dos produtos e solucións equivocadas? Sen lugar a dúbidas, os equipos técnicos de cada unha das cooperativas.
O reto da gandería será implantar plans
de mellora na redución da pegada
de carbono: coherentes, medibles,
non cuestionados pola ciencia e a
sociedade e incentivados.
Os gandeiros e as gandeiras son os encargados de producir alimentos para a sociedade nun momento en que a longo prazo está en dúbida a seguridade e o acceso ao abastecemento alimentario. É necesaria unha implantación de primas de carbono racionais e con ferramentas consolidadas ao tempo que debemos buscar oportunidades para poñer en valor o potencial de captura de carbono que ten o medio natural de Galicia para reducir, consecuentemente, a pegada dos alimentos producidos.
Leer revista completa: