AGACA e Rede Eusumo achegan o cooperativismo a 100 estudantes de Ferrol e Verín
- Medio centenar de estudantes do IES de Catabois (Ferrol) e outros 50 do IES García Barbón (Verín) participarán mañá en dous Obradoiros de “Emprendemento Cooperativo Eusumo”, sobre as particularidades do modelo de negocio cooperativo.
- O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acudirá xunto cos estudantes do IES García Barbón ás instalacións da Cooperativa Cume do Avia (Pazo de Vieite, Carretera de Ribadavia – Carballiño, Km. 6, vieite – Leiro) ás 12:00h.
Medio centenar de estudantes do segundo ciclo de secundaria do IES de Catabois (Ferrol) visitarán mañá a Fundación Feiraco (Ames) e outros 50 alumnos e alumnas do IES García Barbón (Verín) irán ao Centro de Desenvolvemento Cooperativo Transfronteirizo de Verín para participar en xornadas formativas sobre as particularidades do modelo de negocio cooperativo.
Técnicos de AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) explicarán ao alumnado as vantaxes que o cooperativismo ofrece como modelo de negocio estable e rendible no medio rural, co fin de que o teñan en conta como opción de desenvolvemento profesional cando rematen os seus estudos.
Para reforzar a información teórica, os estudantes do IES de Catabois visitarán as instalacións da cooperativa láctea Feiraco e o alumnado do IES García Barbón desprazarase ata a adega Cume do Avia, dedicada á produción ecolóxica de viño.
Alfonso Marnotes, director xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, estará presente na visita a Cume do Avia, situada en Santo André de Camporredondo (Ribadavia), para mostrar o apoio da Xunta a esta iniciativa, dirixida a estudantes, de promoción do emprego e o emprendemento baixo o réxime cooperativo.
Rede Eusumo
Durante 2016, unha vintena de centros educativos teñen participado nos Obradoiros de “Emprendemento Cooperativo Eusumo”, promovidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Rede Eusumo.
Asesoramento, orientación, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal definen a rede transversal de colaboración Eusumo, nacida en 2011.