MANIFESTO 25 DE NOVEMBRO
Dende a Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias, Nós, Ás Mulleres, xunto coa asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) da que formamos parte, queremos neste 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, manifestar o noso máis profundo rexeitamento contra todo tipo de violencia machista. Percórrenos un arrepío ao dicir que no que vai de ano, no noso país foron asasinadas 38 mulleres a mans das súas parellas masculinas e outras moitas están sendo maltratadas física e psicoloxicamente, ou sometidas na súa relación de parella, situación que se volta máis perigosa cando deciden poñer fin á relación. No ano 2021, o 55% das mulleres asasinadas pola súa parella masculina pertencía a contornas rurais. Precísanse máis recursos e vontade política, ademais do compromiso de toda a sociedade para desterrar esta realidade das pequenas poboacións, nas que o 72,9% dás vítimas non denuncia aos seus maltratadores e permanecen con eles unha media de vinte anos.
Dende a Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias, Nós, Ás Mulleres, demandamos un compromiso das institucións públicas e á concienciación da sociedade cara ao avance da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e á loita contra a violencia de xénero:
– Reclamamos máis recursos de todas as entidades públicas, tanto autonómicas como provinciais e locais, para que as mulleres que sofren violencia conten con asistencia psicolóxica, sanitaria, económica, laboral,
necesaria para poder sobrevivir á violencia.
– Chamamos á concienciación a nivel individual e colectiva, á reflexión, á transformación dos nosos comportamentos cara á igualdade; desaprendendo o aprendido nun sistema que maltrata, invisibiliza e oprime ás mulleres e asumindo conxuntamente coas nosas parellas a educación e o coidado dos nosos fillos e fillas, maiores e dependentes, compartindo as tarefas da casa.
– Queremos poñer o acento en que a pesar do avance no ámbito da toma de decisións por parte das mulleres no sector agroalimentario, xa que máis do 50% de mulleres son xefas de explotacións agrarias, falta que na representatividade estean as mulleres; unha vez máis, fáltanos visibilidade.
– Demandamos actividades e programas de formación e sensibilización que axuden a rematar con estes estereotipos dende as primeiras etapas escolares ata persoas adultas e maiores.
– Reivindicamos, pois, a necesidade de políticas, programas e xestión pública efectivos sobre corresponsabilidade e coherentes coa realidade que vivimos as mulleres da contorna rural.
– Demandamos máis accións que favorezan o apoderamento e o acceso das mulleres ao mercado laboral. É unha realidade que é máis fácil saír da violencia cando as mulleres son independentes economicamente.
– Esiximos un modelo social sostible, que poña ás persoas no centro e baseado na igualdade de oportunidades. Isto pasa por un compromiso das institucións co fomento de programas de emprego e recursos cara a acabar co desemprego feminino no medio rural.
A igualdade de xénero plena e total e efectiva é unha responsabilidade dos poderes públicos e debe ser un compromiso ético de toda a sociedade a prol da xustiza social. É preciso fomentar o apoderamento das mulleres no medio rural e a visibilización, valorización e recoñecemento do traballo fundamental que vimos realizando dende sempre.
O desenvolvemento sostible do medio rural só pode ser posible nun territorio habitado por unha sociedade xusta e progresista na que todas e todos teñen as mesmas oportunidades e recursos e desenvolven plenamente todo o seu potencial en todos os ámbitos da vida, facendo dos seus territorios unha comunidade máis rica e diversa.
Demandamos, pois, o compromiso e vontade política das institucións e de toda a sociedade para rematar coas desigualdades entre homes e mulleres e camiñar cara a comunidades igualitarias, diversas e sostibles.
Galicia, 25 de novembro de 2022