- Mañá, 9 de marzo, un grupo de estudantes da Escola Familiar Agraria Fonteboa visitará a cooperativa Feiraco (Ames, A Coruña) onde participarán nunha xornada didáctica sobre cooperativismo.
- A actividade forma parte da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, e conta co apoio e a colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Máis de medio centenar de estudantes do segundo ciclo da ESO da EFA Fonteboa (Coristanco) desprazaranse mañá ata a sede da cooperativa láctea Feiraco, en Ames , onde poderán participar nunha charla divulgativa sobre as oportunidades que o cooperativismo pode ofrecer para o seu futuro laboral.
Ademais da formación, os mozos e mozas realizarán un percorrido polas instalacións da cooperativa, guiados polos traballadores, para aprender polo miúdo as tarefas e procesos necesarios para obter os produtos que elabora Feiraco, ademais das claves do bo funcionamento dunha cooperativa destas características.
O obxectivo do programa é ofrecer aos estudantes unha visión integral dunha iniciativa cooperativista de éxito, para que poidan contemplar o mesmo modelo empresarial como opción de emprendemento e crecemento profesional ao remate dos seus estudos.
Seis anos de actividades Rede Eusumo
Asesoramento, orientación, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal definen a rede transversal de colaboración Eusumo, nada no 2011.
Dende o ano 2012 a Fundación Feiraco funciona coma un dos “Centros Rede Eusumo” repartidos por toda Galicia que serven como espazo de dinamización do emprendemento cooperativo.